O número de casos activos por coronavirus na provincia de Lugo aumenta ata os 1.071, 29 máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas detectáronse 55 novos positivos a través de PCR, polo que o ritmo dos contaxios baixa lixeiramente.
Do total de contaxiados, 59 persoas permanecen hospitalizadas (igual ca onte). O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) atende 33 pacientes en planta e seis na UCI; o da Mariña coida de 14; e o de Monforte, de 6.
Por outra banda, tralas catro mortes que notificou onte Sanidade na provincia de Lugo, a área sanitaria xa alcanza os 114 falecementos relacionados coa pandemia. As últimas mortes das que se tivo constancia foron as de catro mulleres que roldaban os 90 anos; dúas delas procedían de residencias.
Ademais, ata o momento curáronse 4.301 pacientes e fixéronse 93.491 PCR, o que implica que na última xornada se realizaron 822 probas.
GALICIA
No conxunto da comunidade galega mantense tamén o descenso nos contaxios, cuns 400 confirmados nas últimas 24 horas. Tamén os casos activos baixan a 9.060, medio centenar menos que a xornada anterior.
En canto ás hospitalizacións, rexístranse 609 ingresos (un menos), con 106 persoas na UCI (catro menos).