“Se o centro non abre, non sei que vai pasar cos nosos familiares. Oxalá me chamen pronto e me digan: ‘Traédeos cando queirades'”. O único desexo desta muller que fala é que se retome canto antes a actividade no centro de día no que atendían o seu marido, que se atopa en cadeira de rodas e sofre un gran deterioro físico e mental. “Desde que empezou o confinamento, todo foi para atrás”, relata. “Non come o que ten que comer, cúspeme as pastillas todas, non quere durmir porque descontrolou o sono, non fala e apenas temos conversación…”.