InicioSociedadeO confinamento de Benedicta Sánchez: "Eu lévoo ben, no Corgo estou tranquila"

O confinamento de Benedicta Sánchez: “Eu lévoo ben, no Corgo estou tranquila”

A protagonista de 'O que arde' pon a radio para escoitar as noticias sobre a pandemia. Se non fose por iso, ela case non notaría ningún cambio, di. "Teño familiares que me fan a compra e pasan furgonetas ofrecendo alimentos". Amante da natureza, pon xusto aí o seu punto de mira: "A natureza ten que estar moi contenta, estará de festa. O home sempre quixo competir con ela e así terminamos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE | Aos seus 85 anos, Benedicta Sánchez vive o confinamento entre a soidade da súa casa do Corgo e o seu xardín, no que a actriz pasa o tempo mentres cava e sementa: “A natureza ten que estar moi contenta, estará de festa”, sinalou nunha entrevista con Efe.

A gañadora dun Goya a mellor actriz revelación leva a corentena con relativa tranquilidade. Segundo conta, tras o estado de alarma “non pasan case coches” e “non ve a ninguén”, algo que en certo sentido a reconforta, debido a que goza da soidade. Tanto é así que ela, se non fose porque acende a radio e escoita “o número de falecidos”, consegue vivir unha vida “case normal” e mesmo desfruta dunhas “pequenas vacacións”.

“HAI QUE VIVIR O AGORA”

“Naturalmente, todo isto aféctame, porque é un problema para a humanidade. Pero eu lévoo ben. Aquí estou tranquila. Teño familiares que me fan a compra e ademais pasan furgonetas ofrecendo alimentos“, explica Benedicta, que toca madeira para que a situación se manteña así no seu caso.

“De momento parece que o virus non namorou de min“, afirma Sánchez, que trata de vivir pensando unicamente no agora, xa que, segundo expón, a súa cabeza non dá para almacenar “días pasados” nin “ilusións de futuro”. “Hai que vivir o agora. Iso para min si que é unha verdade desde hai anos e morrerei con ela. O que pasou, pasou, e o que veña, pois xa o comprobaremos”.

A esta muller, enérxica e cunha vitalidade de ferro, a morte non consegue asustala, pois para ela o medo só pode ser “sentimento de culpa” ou “falta de curiosidade”.

NO RURAL 

Durante estes días, nos que a maioría de españois están confinados nos seus fogares, en moitos casos en pisos minúsculos, Benedicta ten a sorte de contar cun espazo no que sentir aire fresco e saír, polo menos, a 500 metros da súa casa.

“Teño onde distraerme. Dentro de casa e fóra. Teño as cervicais doridas porque estou a transplantar un ciprés, que naceu nun lugar onde non quero que continúe e quéroo cambiar de sitio. Ao cambialo de sitio, téñolle que buscar un novo. Dóenme as costas de tanta aixada e tanta machada”, asegura.

E é que esta actriz, amante da natureza, asegura que a súa conciencia non lle permite “matar unha árbore”, polo que considera unha necesidade transplantalo a outro lugar e deixalo medrar.  “O meu é a aixada, a machada, a tesoira de podar… Logo na casa teño moitas cousas que ordenar porque non é casa, é un almacén. Ese traballo non se termina nunca. Para o día de San Juan vou facer unha fogueira e queimalo todo”, afirma.

O PODER DA NATUREZA

Vexetariana desde os 17 anos, Benedicta dedica así mesmo o tempo para plantar froitas e hortalizas para comer. Nos seus longos intres ao aire libre reflexiona sobre o poder da natureza, que a diferenza dos humanos, segue o seu curso natural. “Cando as cousas coinciden a natureza ponas a funcionar, é tremenda. Sinto unha admiración moi grande por ela. O home sempre quixo competir coa natureza e así terminamos“, asegura.

A actriz espera que esta situación sirva para que os científicos e políticos “tomen medidas” e respecten máis o mundo no que vivimos, xa que segundo puido comprobar, durante os días do estado de alarma, a natureza “descansou”.

“CANDO TODO PASE…”

“O ser humano ten que corrixir moitas cousas porque eu creo que así non conseguimos ser felices. A verdadeira felicidade para min sería a serenidade, pero gozamos competindo e querendo ser máis e mellores ca o outro”, asegura Sánchez, que ve que se fala moito de “hixiene” pero que non se entende de maneira correcta.

“Moita limpeza, pero hixiene logo ningunha. A hixiene é a arte de conservar o san e eu vexo que máis que nunca a xente está cos médicos para arriba e para abaixo, buscando as medicinas, as vacinas… en lugar de pensar un pouco máis na hixiene que supón un necesario coidado do medio ambiente”.

Benedicta, a quen lle gustaría reunir a todos os filósofos da historia para que debatesen sobre este momento de extrema “incerteza”, confía en que cando todo pase “a vida poida ser un pouquiño máis natural do que era” e que, sobre todo, “non tropecemos de novo coa mesma pedra”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...