InicioSociedadeA solidariedade triunfa no CEIP Casás e o CIFP As Mercedes, onde...

A solidariedade triunfa no CEIP Casás e o CIFP As Mercedes, onde fabrican máscaras para os sanitarios

Cunha impresora 3D, cunha máquina de coser ou con parafusos. A técnica é o de menos cando se trata de axudar aos traballadores do hospital durante esta crise sanitaria. Nas Mercedes, por exemplo, elaboran unhas 300 pantallas faciais cada día. "Esta situación está sacando o mellor de nós", din dende o CEIP Casás.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os contaxios por coronavirus inzan o país de preocupación nestas semanas de crise sanitaria. Pero, ao tempo, tamén se contaxia a solidariedade entre a cidadanía e sucédense bonitas iniciativas para alixeirar a corentena, para axudar as veciñas e veciños ou para fornecer os profesionais sanitarios de material. Xusto iso é o que fan dous centros educativos de Lugo, o CEIP de Casás e o CIFP As Mercedes, dende onde fabrican máscaras de protección facial para as traballadoras e traballadores dos hospitais.

En Casás empregan a impresora 3D do colexio para elaborar as viseiras das pantallas faciais coas que os sanitarios cobren o rostro. Segundo explica a docente Maika Cancela, o equipo de profesorado sumouse á iniciativa de Makers Lugo, que coordina a fabricación deste material na cidade en base a un deseño homologado.

Unha rede de farmacias recolle estas máscaras e logo pásanas ao 061 para a súa posterior distribución. En Lugo aínda non se entregou ningunha, pero en Galicia cónstame que xa foron 1.500″, comenta esta profesora do CEIP Casás.

“ESTA SITUACIÓN ESTÁ SACANDO O MELLOR DE NÓS”

Aínda que a idea está pensada para axudar os profesionais da sanidade, eles tamén valoran estendela a outros colectivos de traballadores esenciais e mesmo a voluntarios do Banco de Alimentos. “Imos doarlles algunha mácara para que poidan repartir comida polas casas de maneira segura. Se non fora por eles, moitas familias non poderían comer”, engade.

A maiores, no centro tamén están poñendo en marcha outro proxecto coas familias para elaborar máscaras de tea cosidas a man. A directora do colexio, Verónica Eiravella, xa se puxo en contacto coas forzas e corpos de seguridade para saber como poden distribuílas.  “De momento anotáronse unhas vinte familias. E iso que aínda se anunciou onte”, din. “Esta situación está sacando o mellor de nós”.

TRESCENTAS OU CATROCENTAS MÁSCARAS AO DÍA

Pola súa banda, no CIFP As Mercedes non utilizan a impresora 3D —”era moi lenta”—, senón que uns cinco ou seis profesores acoden ao taller do centro para elaborar as máscaras de protección manualmente. “Son coma esas que se usan cando andas cun cortacéspede. Engánchanse na cabeza e teñen unha lámina para protexer a cara“, describen facilmente.

O director do centro, Joaquín Expósito, foi o artífice da iniciativa: “Vimos nas redes sociais que había moita xente facéndoas, así que nós tamén empezamos. Xa levamos uns tres días, mañá e tarde”. Cada xornada sacan adiante unhas trescentas ou catrocentas máscaras, das cales xa enviaron varias remesas ao HULA. “Hoxe mesmo levaron case 200 e onte tamén”, exemplifica.

Traballadores do HULA, do Polusa, auxiliares de axuda a domicilio… “Cada vez contacta con nós máis xente. Parece que se correu a voz polas redes sociais, pero chega un momento no que non dás atendido as necesidades”, explica. Como a maioría dos negocios están pechados, cústalles máis atopar o material preciso para elaborar as pantallas faciais.  “E facer fan falta… Os profesionais teñen que estar protexidos e non hai abastecemento suficiente”, remata.

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...