A asociación Facua denunciou aos organizadores do festival lucense Caudal Fest por impedir o acceso ao recinto de concertos con bebida procedente do exterior.
A denuncia contra o Caudal Fest, que se celebra desde este venres en Lugo, convértese na número 46 presentada por Facua contra eventos musicais que impiden o acceso ao recinto con bebida adquirida fóra do festival.
Segundo informa a asociación, a advertencia colgada na páxina web do festival de que estaba prohibido introducir bebida e comida do exterior “non se incluía inicialmente nas condicións do evento, senón que se engadiu a poucos días do inicio” do evento.
Facua considera “abusivo” prohibir a entrada ao recinto con bebida porque “a actividade principal é a celebración de concertos e non a hostalaría”.
Con esta son xa 46 as denunciadas presentadas por Facua contra festivais, entre eles, os galegos Resurrection Fest (Viveiro), O Son do Camiño (Santiago), Silfest Valdeorras (O Barco) e Atlantic Fest (A Illa de Arousa).