InicioSociedadeA Galicia baleirada non entende de campañas electorais

A Galicia baleirada non entende de campañas electorais

PUBLICADA O

- Advertisement -

O papel da Galicia rural, onde os veciños ven como cada certo tempo morre unha aldea, non é o máis activo nas protestas pola España baleirada. Iso si, en cada campaña reciben a visita de políticos que alternan con tenreiros ou ben percorren unha explotación agraria. En todo caso, terminada esa carreira cara ás urnas, a Galicia rural continúa baleirándose.

Lonxe dos núcleos urbanos galegos por definición hai un gran territorio baleiro: o país ten, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), 1.401 parroquias cunha densidade de poboación igual ou menor a vinte habitantes por quilómetro cadrado, o equivalente ao 47,6 % do territorio galego. Parroquias cuxas aldeas perden poboación ou directamente desaparecen.

Aldeas como Paradapiñol, no concello lucense de Quiroga, da que é veciña Ángeles Varela, quen nunha conversación con Efe achaca este problema á “falta de traballo”. “Se non chega xente nova, nuns anos todas estas aldeas estarán deshabitadas”, lamenta.

A súa, que se localiza na parroquia de Vilarmel, tiña 14 habitantes en 2013, segundo o IGE. Agora Ángeles incide en que só “hai dúas casas habitadas”, cun total de sete persoas e non hai ningún neno “desde hai moitos anos“.

Ela utiliza o coche todos os días para ir ao traballo e comprar o que necesita en Quiroga, traxecto que lle leva vinte minutos. “Nunha aldea, o teu mellor amigo é o coche”, chancea.

Outros dous dos seus veciños dedícanse a unha explotación gandeira que teñen en Paradapiñol e, o resto, están xubilados.

O factor que diferencia as condicións de vida no rural é o acceso aos servizos, algúns deles peores e bastante máis caros.

Ángeles relata que isto é o que sucede coa conexión a internet, cuxo prezo é máis elevado que nas cidades, e ademais indica que “o móbil funciona regular” debido á escasa cobertura á que teñen acceso.

Para Ángeles Varela, o peor de vivir nunha aldea é a necesidade de usar o coche “para todo” e ten claro que nun futuro próximo Paradapiñol estará deshabitado, como sucedeu xa con outros enclaves próximos. A pesar disto, Ángeles é feliz alí porque lle gusta o campo e afirma que a “calidade de vida” non é “peor” que nunha cidade, senón que é “outro tipo de vida”.

Os anos pasan e os gobernos sucédense, pero a situación non cambia no rural. Sábeo ben José Manuel Braña, alcalde desde 2003 de Negueira de Muñiz (Lugo), podería dicirse que o concello como tal con menos habitantes de Galicia -218 en 2018 segundo o IGE-, que nos últimos noventa anos perdeu ao 85 % da súa poboación.

“Esta situación? Provocouna a defensa sen concesións que o Estado e a comunidade autónoma fixeron do medio rural”, ironiza Braña, quen está seguro de que, de defendelo, “o medio rural aguantaría”.

O alcalde deste pequeno concello da Fonsagrada xa non cre nas promesas que fan os políticos nas tradicionais visitas a aldeas campaña tras campaña. “Fano todos os partidos e haberá xente que llo crea, pero a realidade é a que é: as súas grandes frases teñen que adornalas menos e dotalas de máis contido”, sentenza.

Negueira de Muñiz tivo no seu día un colexio -dependente da Xunta- que o seu rexedor espera que volva abrir, e conta cunha casa rural, dous mesóns e un centro de saúde ao que acode un médico dúas veces por semana. Para todo o demais, teñen que desprazarse a Ponferrada, en León, a máis de vinte quilómetros.

“Agora que vai haber unha reforma da Atención Primaria estamos a tremer, onde primeiro recortan é onde non hai xente”, recrimina Braña, que expón tamén a falta de servizos como unha das principais causas do despoboamento, xunto á dificultade de emprender actividades comerciais “pagando os mesmos impostos e recibindo menos servizos”.

Este é un dos conflitos fundamentais que atopa o profesor de Socioloxía do Territorio da Universidade da Coruña (UDC) Manuel Docampo, que considera que desde as administracións hai que “consentir e coidar” á poboación do rural, xa que custa máis prestar os servizos nun pobo que nunha cidade.

Galicia, ademais, conta cunha situación engadida: a dispersión poboacional. Non en balde, de cada dez entidades singulares de poboación con menos de cen habitantes, seis -o 58,6 %- atópanse en Galicia, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

“Estas aldeas xa non perden poboación tanto pola migración cara a contornas urbanas como polo crecemento vexetativo negativo: morre máis xente da que nace“, apunta Docampo, que engade que esa tendencia “tamén se dá na contorna urbana”.

Para este experto, a cuestión fundamental non é a cuantitativa -que o rural gañe poboación-, e si en cambio que mellore a calidade de vida para ser “igual ou mellor” que a das cidades, dotando á cidadanía de máis servizos, rehabilitando vivendas e apostando pola preservación da contorna e o sector primario.

O que non funciona é o modelo de poñer un parque empresarial en cada municipio, iso desordena o territorio e non alcanza o obxectivo de reter poboación”, relata Docampo, quen pensa que non se poden aplicar receitas urbanas á contorna rural, dado que ao seu xuízo se debe apostar por outro modelo.

“Hai que coidar á xente do rural, que non só pode producir alimento e osíxeno, senón que tamén protexe o patrimonio e unha contorna que, de acordo coa visión romántica dos urbanitas, tamén é de lecer e esparexemento”, conclúe Docampo.

Hai moitas receitas para reverter a tendencia do rural galego cara ao despoboamento e unha cuestión que para todos está clara: ningunha pasa polas visitas cada catro anos, que teñen que concretarse con investimento e feitos. De non ser así, poida que, algún día, os candidatos non teñan animais que saudar, nin sequera aldeas para camiñalas.

ÚLTIMAS

Javier Ferreiro, polbeiro: “Trouxemos 20 toneladas de polbo para o San Froilán, case nada que picar”

Do 5 ao 12 de setembro Lugo convértese no lugar de Galicia idóneo para comer, compartir...

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...