EFE – Redacción | A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou este martes de que a Xunta de Galicia rexeitará o protocolo remitido polo Ministerio de Fomento para executar a estación intermodal de Lugo. A responsable autonómica explicou que despois de “ano e medio” de traballo, a proposta carece de calquera tipo de concreción.
Vázquez afirmou perante os medios de comunicación que a Xunta en ningún caso “pode acceder” á sinatura dun protocolo nas condicións estabelecidas polo Goberno, porque supón “un retroceso nos compromisos adquiridos”. O executivo que preside Alberto Núñez Feijóo quere un convenio semellante ao subscrito para Santiago de Compostela e Ourense, onde se “asumen compromisos e responsabilidades”.
Porén, e segundo a versión da conselleira, o protocolo enviado por Fomento limítase a formalizar un acordo para “estudar conxuntamente” as condicións da estación intermodal. Mais “iso é o que fixemos durante ano e medio”, lamentou Vázquez. “Hai que adquirir responsabilidades, como se financia e quen asume cada parte da obra; como, cando e canto”, precisou a titular de Infraestruturas.
En novembro, o anteproxecto ideado por Fomento determinaba un investimento entre 27,5 e 31,6 millóns de euros permitirá acometer a intermodal, que comprende a estación ferroviaria, a de autobuses e un novo aparcadoiro de vehículos privados. Entón dispúxose que a administración galega achegaría 2,7 millóns para a dársena de buses, mentres que Goberno central licitaría o proxecto construtivo da estación de tren e a coordinación da parte que corresponde á Xunta de Galicia.