InicioSucesosCrime de Muimenta: os investigadores viron á nai de Desirée "moi tranquila"...

Crime de Muimenta: os investigadores viron á nai de Desirée “moi tranquila” e en “actitude defensiva” o día do crime

Sinalan que "non mostraba signos de alteración" e que estaba "acougada pero coherente"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os investigadores do caso do asasinato da nena Desirée Leal, ocorrido en 2019 en Muimenta, viron á nai da nena, única acusada dos feitos, “moi tranquila” o día do crime, así como con certa “actitude defensiva” á hora de proporcionarlles información.

Así o contaron durante a terceira sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Lugo por estes feitos. Durante este mércores compareceron nos xulgados de Lugo varios axentes da Garda Civil que participaron en distintas dilixencias de investigación relacionadas con este crime.

Todos os que se desprazaron esa mañá ata a vivenda na que ocorreron os feitos coincidiron en declarar que viron á nai da nena “moi tranquila”, tendo en conta que acababa de atopar á súa filla de sete anos falecida.

“Non me parecía un estado acorde coa situación”, dixo un dos axentes, para quen Ana Sandamil, que estaba no sofá do salón da vivenda “tapada cunha manta”, non mostraba “signos de alteración”.

Outro dos axentes, ademais, explicou que a atopou “acougada pero coherente” cando falou con ela, e que non tivo sensación de que estivese fóra da realidade. “Estaba moi tranquila, moi moi tranquila, acougada”, destacou o garda civil, que contrapuxo a súa actitude á da avoa de Desirée, “moi alterada”.

EN “ACTITUDE DEFENSIVA”

Un dos axentes que testificou este mércores recoñeceu que, nas dilixencias que practicou na casa e nas conversacións que mantivo con familiares, só a nai de Ana Sandamil díxolle que desde febreiro “se encerrou máis en si mesma”, pero que ninguén lle comentou que sufrise alucinacións, algo que, nun momento posterior, si lle trasladaron tanto o pai como o noivo da acusada.

Sobre a súa actitude en mesmo día da morte de Desirée, un dos investigadores cualificouna de “defensiva” á hora de facilitar as dilixencias. En concreto, referiuse ao episodio, que xa fora narrado nas primeiras sesións, no que Ana Sandamil, en compañía do seu pai, negouse a dar aos axentes o seu móbil e tablet sen unha orde xudicial.

Outro dos elementos que os axentes non atoparon na escena do crime nun primeiro momento foi o pixama co que ía vestida Ana Sandamil cando supostamente atopou o cadáver da súa filla. Os investigadores reiteraron que na vivenda todos estaban xa “vestidos” á súa chegada, e que non foi localizado nunha primeira inspección.

Cando se decataron de que ela non o levaba posto no seu traslado ao Hospital de Lugo, os axentes regresaron á vivenda en compañía da nai de Ana Sandamil e localizárono debaixo da cama, nun lugar no que, a xuízo do investigador, non puido chegar accidentalmente. “Ao meu xuízo, estaba escondido, feito unha bóla, metido bastante ao fondo”, contou.

MANCHAS DE SANGUE

No pixama, como noutros puntos da habitación na que morreu Desirée Leal, había restos de sangue, dixeron ante o tribunal os investigadores, manchas que podían verse “a primeira ollada”.

Os axentes que declararon explicaron que viron sangue en dous puntos opostos dunha almofada, nun calcetín e unha zapatilla e no propio corpo da vítima, así como “bastante sangue disperso no chan”, o que consideraron “indicios de que non fora unha morte accidental”.

“A miña impresión policial foi que alí houbo uns feitos violentos polos indicios do sangue disperso en todas as partes da cama“, explicou un dos gardas civís, que tamén viu salpicaduras de auga na parede, “compatibles cun pequeno forcexo” do que “Desirée tentou defenderse, e de aí as manchas de sangue”.

FEITOS

A avoa da vítima contou aos axentes que, á primeira hora da mañá, a súa filla entrara na habitación dicíndolle “que a nena morrera”. Tras tentar reanimala, chamou aos servizos de emerxencias.

Pola súa banda, a nai dixo nun primeiro momento que durmiran xuntas na mesma cama e que, a determinada hora, a nena levantouse a beber á cociña, pero “non volveu”. Segundo a versión de Sandamil, foi cando ela se levantou a fumar a unha galería próxima cando a viu “no corredor, preto da habitación, tirada no chan”.

Aínda que nun primeiro momento non ofreceu máis explicación do sucedido, xa no hospital dixo aos axentes que se desprazaron a falar con ela que cría que a nena bebera dunha botella con medicación sedante que tiña preparada para si mesma. Na vivenda foron localizadas unha cunca e unha botella con líquido e restos de medicación.

ÚLTIMAS

Un informe de Adega revela os datos reais de emisións e verteduras que Altri pretende ocultar

Un informe de Adega sinala que Altri oculta emisións no seu estudo de impacto ambiental e...

A Deputación presenta un plan invernal para estradas con 420 toneladas de sal e 112 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores en Pedrafita...

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...