
Comisións Obreiras (CCOO) informa da recepción dun escrito asinado polo Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia que certifica as eivas denunciadas polo sindicato na escola infantil Gregorio Sanz, de Lugo. O documento informa dunha visita da Inspección ao centro a comezos deste mes de decembro “constatándose, efectivamente, as deficiencias”, polo que se requiriu “a súa emenda enbreve prazo”.
Desde CCOO consideran “inaudito” que a Xunta de Galicia, desde Santiago de Compostela, “actúe e se mova con maior celeridade que o mesmo Concello de Lugo”. O secretario xeral comarcal de CCOO, Manuel Quiñoá, lamenta que, pasados varios meses, “o goberno local nin sequera respondeu os nosos escritos”.
CCOO destaca que hai un mes denunciou tanto na Consellaría de Política Social da Xunta como na Inspección de Traballo, a situación “insostible” desta escola infantil. O episodio máis recente produciuse na mañá do 22 de novembro, cando o centro tivo que ser desaloxado por un incendio na caldeira producido por un curtocircuíto.
Non obstante, Manuel Quiñoá sinala que os problemas “veñen de máis atrás”, cando no verán o sindicato denunciou as elevadas temperaturas no centro educativo, que chegou a alcanzar os 31º dentro das aulas. Uns anos antes, en 2016, mesmo os bombeiros tiveran que acudir para refrixerar a escola con mangueiras anteo “insoportable” da situación.
En 2017, o mesmo Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia emitía un requirimento onde constataba que as temperaturas non eran as axeitadas para a tipoloxía de centro e esixía adoptar medidas correctoras. Á vista deste requirimento, CCOO espera que “o Concello asuma dunha vez as súas responsabilidades, tanto cos menores que acoden ao centro como cos traballadores e as traballadoras”.