GUIDO: Como comezou todo?
RUBÉN: Pois recordo que a terraza da miña casa daba a un descampado (o que é agora a praza Agro do Rolo, na Milagrosa), e nos muros exteriores do colexio Cervantes adoitaban facer graffitis.
Dende pequeno medrei coa imaxe de dous graffitis que vía todos os días, o diaño de Tasmania enorme, e unha personaxe como pintando cun spray na man… e, joder, causábame moita intriga quen sería o que foi pintar ali e como faria haha, non sabía de que ía o tema pero eu tamén quería! Logo no instituto chegou a musica rap, a roupa ancha, as libretas cheas de firmas… comezou o gusanillo que segue ata agora.
Ó principio facia cousas moi chungas, comparando cos murais que eu via pola rúa… non tiña nin a habilidade nin os medios para poder facer un mural con tanta cor. Iso tradúcese en precisar máis cartos para gastarme en spray, co cal limitábame a facer bocetos e cando xuntaba para 3 ou 4 botes poder facer algo decente….
G: Que significa para ti o graffiti?
R: O graffiti é algo moi sacrificado, require tempo e adicación, levo moitos anos pintando en sitios abandonados, pontes debaixo da autovía enlamado ata os xeonllos… manchar roupa, papar frio, a parte do custo do spray… e todo para sacarlle unha foto e velo ti e catro amigos, sen outro propósito, nin likes nin followers … que non había… é superación. Por iso os grafiteiros que levamos anos nisto compartimos experiencias parecidas, sexas de Albeiros, Zaragoza ou Moscú… e é algo moi bonito.
G: En que barrio naciches? Viviches en máis lugares?
R: Nacín entre A Milagrosa e A Piringalla, no Camiño de Pipín. Cando me independicei estiven un ano vivindo na Coruña, xa que tiña alí o traballo. Agora xa fai case 10 anos que vivo en Augas Férreas, e moi a gusto.
“os que estaban antes que nós como Concepto Circo foron os que nos facilitaron ó resto que poidamos estar aqui”
G: Poderiamos dicir que es da xeración intermedia dentro dos graffiteiros lucenses. Nin dos novos, nin dos da vella escola… que opinas dos antigos e dos que están chegando agora? E sobre a túa xeración?
R: Pois sí, os que estaban antes que nós como Concepto Circo foron os que nos facilitaron ó resto que poidamos estar aquí, e ver os seus murais foi o que o nos motivou á hora de querer facer algo parecido, e o que propiciou a que houbese un boom.
Nos anos nos que comecei eu, no 2005, a maioria dos meus amigos pintaban graffiti… nas novas xeracions hai algún rapaz de despois de nós que esta empezando e tal, pero en xeral non vexo a mesma inquedanza en canto ó graffiti.
Penso que é como con todo, os tempos cambian, antes faciamos máis vida na rúa… se usabamos o movil era para mandarnos unha mensaxe para quedar e saír por aí, e o tema das redes sociais penso que inflúe moito… búscase mais a recompensa instantanea das cousas, subir a foto ó momento e recibir os likes… e o graffiti require de moito traballo previo para quedar satisfeito e para que lle poida gustar á xente.
G: Sei que compatibilizas a túa actividade artística con outro traballo… como se leva iso? Canto % de cada semana adicas a cada cousa? Gustaríache algún día adicarte ó 100% á arte?
R: Si, grazas a que comecei a traballar de novo puiden permitirme gastar a pasta no que antes era un “vicio”, os sprays. Ó principio era moi complicado porque traballaba de luns a sabado e tiña algunha fin de semana para poder pintar.. entón a melloria era mais lenta.
Dende hai un tempo teño un traballo no que estou a turnos de 12 horas, no cal a metade do mes téñoo libre para poder pintar. De momento podo compaxinalo ben, pero claro poder adicarme ó 100% a isto… pasou de ser un soño a ser unha meta dende hai moi pouco.
“PINTAR pasou de ser un soño a ser unha meta dende Hai moi pouco”
G: En que lugares pintaches fóra de Lugo?
R: Aparte de Galiza… Asturias, Zaragoza, Barcelona, Málaga, Berlín, Cracovia, Porto… a miña favorita, Londres. Para un friki do graffiti coma min e o paraíso, haha…
G: Que tipo de encargos son os que máis vos fan en Trece Trazos?
R: De todo tipo,tanto nos encargan unha paisaxe para unha furgoneta, coma habitacions infantís, fachadas de naves comerciais, xogos infantís no chan para os colexios, peches de negocios… algo que me gusta deste traballo é que nunca sabes que vai ser o proximo que vas a facer. É un punto de motivación, se tivera que facer sempre o mesmo convertiríase en monótono e non sería o mesmo.
“algo que me gusta deste traballo é que nunca sabes que vai ser o proximo que vas a facer”
G: Que significa Lugo para ti? Cales son as túas zonas favoritas de Lugo?
R: Pois a cidade onde nacin e onde pasei os mellores anos da miña vida. Penso que en poucos sitios teñen mellor calidade de vida que aquí, non valoramos o que temos ata que marchamos fóra. Eu dinme conta, e iso que só estiven un ano na Coruña, hahaha.
O que mais me gusta da miña zona e que adoito pasear cos meus cans a miúdo: Carballeira de Fingoi, facultade de Veterinaria, paseo do Miño, paseo do Rato… unha ruta que fago todos os dias e non me canso.
G: Como ves o momento actual da arte urbana? E na cidade?
R: Pois penso que é un bo momento, que hai que estar preparado para surfear a onda do street art, cada vez ten máis aceptación e demanda, é algo “trending” do que a xente quere formar parte.
G: Última: que mensaxe che gustaría deixarlle á xente de Lugo?
R: Agradecerche a ti que contaras conmigo para esta entrevista, e mandar un saúdo a toda a xente que nos apoia e nos anima a seguir con isto. Grazas.