A Xunta de Galicia prepara o seu plan antiincendios para esta tempada de verán en Lugo. Para iso, dotará os concellos de 66 brigadas conformadas por un total de 328 traballadores. Do mesmo xeito, a administración autonómica tamén financia 37 vehículos motobomba e correrá cos gastos da limpeza forestal de case 6.000 hectáreas de terreo. En suma, trataríase dun investimento de algo máis de tres millóns de euros que reforzarían os recursos municipais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta de todos os detalles na mañá deste martes 9 de xullo. Este programa de axudas ofrece aos concellos unha fonte de financiamento para contratar o persoal das brigadas, así como para sufragar os gastos de vehículos e tratamentos preventivos forestais.
Segundo o proxecto da Xunta, os concellos poderán adherirse a calquera destas vertentes ou incluso ás tres. Así, practicamente todos os concellos da provincia subscribiron o convenio, agás A Pobra de Brollón, A Pontenova, Rábade e o propio Lugo. A ausencia da capital provincial neste acordo foi motivo de reprobación ao Concello por parte de Balseiro, que non entende como nin sequera se chegou a solicitar este convenio para a loita contra os lumes.
MÁIS POLO MIÚDO
O investimento principal na provincia vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. 51 concellos lucenses constituirán en total 66 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de máis de 1,7 millóns de euros. En concreto, 37 concellos contarán cunha brigada, mentres que 14 municipios terán dúas, de entre catro e cinco compoñentes cada unha.
Este persoal traballará durante tres meses -período considerado de alto risco- tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.
En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza. Preténdese así previr os lumes ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar e a axuda outorgada calcúlase a partir dese dato. Así o fixeron 54 concellos da provincia, que declararon en total 5.893 hectáreas. Polo tanto, o investimento elévase ata os 766.700 euros.
A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas. Adheríronse 37 concellos -con outros tantos vehículos-, e o orzamento da consellería neste apartado suma máis de medio millón de euros.
O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos complementan os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Este ano, como vén sendo habitual nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo está integrado por uns 1.300 efectivos. Persoal da Xunta, dos concellos e persoal contratado para as brigadas helitransportadas son os compoñentes dos equipos.