A Deputación Provincial de Lugo, ante as declaracións realizadas polo Grupo Provincial do Partido Popular na súa rolda de prensa relativa á incorporación dun funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional ao Servizo de Asistencia aos Concellos, considera necesario trasladar á cidadanía e aos medios de comunicación os seguintes feitos, todos eles documentados e verificables.
PRIMEIRO. A incorporación do funcionario foi autorizada pola Xunta de Galicia. A comisión de servizos do citado funcionario na Deputación Provincial de Lugo non foi unha decisión unilateral nin opaca. Foi autorizada mediante Resolución da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia (expediente NCS-2026-008, de 16 de marzo de 2026), asinada pola Directora Xeral e proposta pola Subdirectora Xeral de Réxime Xurídico Local. A resolución conclúe expresamente que a solicitude “cumpre coas previsións” da normativa vixente.
A praza publicouse o 4 de marzo de 2026 na páxina web Eidolocal e comunicouse aos Colexios de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Galicia. Non se recibiu ningunha outra solicitude, tal e como consta nos antecedentes da propia resolución.
Houbo un procedemento regulado, público e resolto formalmente polo goberno autonómico. Se o Grupo Provincial do PP considera que a Dirección Xeral de Administración Local actuou de forma incorrecta, ten á súa disposición as vías legais para impugnalo.
SEGUNDO. O PP reduce deliberadamente o marco competencial da Deputación para construír un relato falso. O Grupo Provincial do PP sostén parte da súa crítica baseándose exclusivamente no artigo 55 do Real Decreto 128/2018, pero esta acusación é unha redución interesada, xa que os artigos 47 a 49 do propio Regulamento do Servizo de Asesoramento e Asistencia Xurídica, Económico-Financeira e Técnica aos Concellos da Deputación Provincial de Lugo (BOP nº 109, de 15 de maio de 2009) recollen expresamente a prestación das funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional para a realización de cometidos específicos de carácter circunstancial, sen límite de poboación.
O PP e os seus deputados deberían coñecer este regulamento. Se o descoñecen, evidencian unha falta de rigor preocupante. Se o coñecen e o ocultan, evidencian unha vontade deliberada de desinformar.
TERCEIRO. A necesidade de reforzo do Servizo de Asistencia é real, documentada e urxente. A provincia de Lugo conta con 67 concellos, dos cales 55 teñen menos de 5.000 habitantes, 30 teñen menos de 2.000 e 10 non alcanzan os 1.000. As dificultades para cubrir os postos de secretaría e intervención nestes municipios son un problema estrutural e crónico. Cando un concello queda sen secretario ou sen interventor, a vida municipal paralízase.
O informe técnico emitido o 18 de marzo de 2026 pola Secretaria-Interventora da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos constata que o Servizo de Asistencia só dispoñía de dous funcionarios habilitados para atender as necesidades de toda a provincia, un dos cales asume ademais a xefatura da área e as funcións de substitución da Secretaría Xeral. O informe conclúe que se precisan como mínimo dúas prazas máis de funcionarios con habilitación nacional.
CUARTO. A comisión circunstancial no caso do Concello de Burela é unha medida temporal e solicitada polo propio Concello. Cando o funcionario se incorporou á Deputación, o Concello de orixe quedou temporalmente sen secretario titular. A Alcaldía solicitou asistencia á Deputación para evitar a parálise da actividade municipal.
A Deputación atendeu esta solicitude mediante decreto de comisión circunstancial limitada a un prazo máximo dun mes ou ata que o posto se cubra por calquera das fórmulas de provisión legalmente previstas. Trátase dunha medida ponte, temporal e de urxencia, para cometidos urxentes e inaprazables. É exactamente para iso para o que existe o Servizo de Asistencia.
QUINTO. Sobre a prórroga de servizo activo: discrecionalidade legal, non arbitrariedade. O PP insinúa que se denegou a prórroga de permanencia no servizo activo dunha funcionaria para facilitar a incorporación do novo funcionario. Esta insinuación carece de fundamento.
As prórrogas de permanencia máis alá da idade de xubilación non son automáticas nin constitúen un dereito absoluto. Son unha facultade discrecional que a administración exerce caso a caso segundo criterios de necesidade do servizo e de idoneidade. Que se conceda nunha ocasión e se denegue noutra non é contradición: é o exercicio normal dunha potestade que a lei atribúe á administración.
A funcionaria afectada exerceu o seu dereito a impugnar a decisión ante os tribunais, que é o cauce legalmente establecido. Respectamos ese proceso e agardaremos a súa resolución. En todo caso, esta circunstancia foi anterior a toma de posesión da nova Presidenta.
SEXTO. A filiación familiar non priva a ningún traballador dos seus dereitos. O PP refírese de forma sistemática ao funcionario pola súa relación familiar cun cargo público. É unha estratexia de personalización destinada a substituír a análise dos feitos por un prexuízo emocional. O funcionario en cuestión é habilitado de carácter nacional da subescala de Secretaría, categoría de Entrada, condición que se obtén exclusivamente mediante oposición libre de ámbito estatal. Ten destino definitivo no concello no que exerce as funcións públicas reservadas de secretaría, resultando ser o 1° da súa promoción. A súa cualificación profesional non depende nin pode depender das súas circunstancias familiares.
Pretender que unha persoa debe ser privada dos seus dereitos como funcionario de carreira pola súa relación familiar con un cargo público é un argumento contrario ao artigo 14 da Constitución Española, que consagra o dereito á igualdade e á non discriminación por razón de nacemento ou calquera outra circunstancia persoal. Ningún cidadán pode ser penalizado profesionalmente pola actividade política dos seus familiares.
O PP non achegou nin un só indicio de que o parentesco influíse no procedemento. Limitouse a repetir a filiación familiar como se fose, por si mesma, unha acusación. Non o é. Cuestionar a súa valía, non só é inxusto a nivel persoal, senón que tamén lanza unha mensaxe moi perigosa: que o talento non ten cabida se non gusta a determinados partidos.
En conclusión, o Grupo Provincial do PP construíu un relato baseado en tres operacións: recortar interesadamente o marco legal para aparentar unha irregularidade que non existe, omitir que a Xunta de Galicia autorizou o procedemento, e utilizar a filiación familiar dun funcionario público para facer acusacións moi graves.
Aquí non hai favores, hai procedementos e hai persoas con expedientes brillantes que deciden vir traballar á provincia de Lugo.
A Deputación Provincial de Lugo actúa dentro da legalidade, ao servizo dos 67 concellos da provincia e dos seus veciños e veciñas. Cada un dos pasos dados neste procedemento está documentado, motivado e amparado polo ordenamento xurídico vixente.
A Deputación Provincial de Lugo seguirá traballando para que os concellos da provincia funcionen e para que os seus veciños e veciñas reciban os servizos públicos que merecen.
