Os voceiros do Grupo Municipal, Elena Candia, e do Grupo Provincial do PP, Antonio Ameijide, ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para denunciar “manobras pouco transparentes e estéticas” para deixar oco dentro da Deputación e que así puidese exercer o fillo do alcalde de Lugo, Miguel Fernández.
Tanto Elena Candia como Antonio Ameijide criticaron “as formas empregadas” dende PSOE e BNG xa que “o que están a demostrar unha vez máis é que poñen as administracións públicas ao servizo dos seus intereses, en lugar de poñelas ao servizo dos lucenses”.
CLAVES NO PROCEDEMENTO
O 14 de agosto unha funcionaria da Deputación de Lugo solicita unha prórroga para continuar dentro da entidade provincial coma secretaria-interventora a partir do 19 de novembro de 2025.
O 18 de novembro de 2025, José Tomé, aínda como presidente, asina (por avocación) a denegación da prórroga solicitada pola funcionaria, denegación que a interesada recorreu en vía xudicial.
O 16 de marzo de 2026 realízase o nomeamento do fillo de Miguel Fernández que toma posesión catro días despois, o 20 de marzo de 2026, mesma data na que se asina un decreto de presidencia para “Comisionar secretario-interventor asistencia ao Concello de Burela” ao fillo do alcalde de Lugo a prestar servizo nesta administración na que xa viña prestando servizos ata o seu nomeamento na Deputación de Lugo.
Para realizar este nomeamento, dende a Deputación de Lugo faise referencia ao artigo 55 do RD 128/2018, de 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional.
Artigo 55. Comisións circunstanciais RD 128/2018
Nos casos de ausencia, enfermidade ou abstención legal ou regulamentaria de funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional en municipios de menos de 1.000 habitantes, a pedimento da Corporación interesada, a Administración ou Corporación Local que atenda os servizos de asistencia poderá comisionar a un funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional para a realización de labores especiais de carácter circunstancial, polo tempo imprescindible.
Empregan unha normativa que non se atinxe ao caso do Concello de Burela xa que o artigo 55 do RD 128/2018 fai referencia explícita a municipios de menos de 1.000 habitantes, circunstancia que non se dá neste caso (segundo os datos do INE en 2025 contaba con 9.630 veciños).
Elena Candia advertiu que “prácticas como estas non deberían ter cabida en ningunha administración pública”.
Candia contrapuxo esta situación coa realidade do Concello de Lugo:“ mentres, como acaba de describir o voceiro do Grupo Provincial do PP na Deputación, se resolve en dous meses unha situación puntual, no Concello de Lugo, o PSOE coa complicidade do BNG, levan anos sen cubrir vacantes, sen actualizar a Relación de Postos de Traballo e sen reforzar os servizos básicos, deixando ao persoal e á cidadanía sen os recursos necesarios”.
A portavoz popular lembrou que “a día de hoxe no Concello de Lugo hai servizos desmantelados ou en situación crítica, con reivindicacións históricas que levan anos sen resolver: a Banda de Música, a Escola Municipal de Música —pechada, o 010, os bombeiros, a Policía Local ou as brigadas de auga, entre outros”.
Candia engadiu que “esta situación agrávase porque se deixaron caducar ofertas de emprego público entre 2017 e 2022, o que supuxo perder a oportunidade de incorporar máis de 60 profesionais ao servizo da cidade. É dicir, non só non se reforzan os servizos, senón que se deixan pasar oportunidades para melloralos”.
A voceira popular incidiu en que “é difícil de entender que, contando con orzamento, non se reforzase o cadro de persoal. Tal e como reflicten as liquidacións de 2023 e 2024, gastáronse máis de 8 millóns de euros previstos para persoal, para outros fins, o que evidencia a falta de planificación e de prioridade na cobertura de prazas”.
Candia tamén advertiu: “Estamos a menos dun ano da convocatoria das eleccións municipais —o 30 de marzo de 2027 está prevista— e moito nos tememos que agora empezarán a prometer melloras para mudar a situación do persoal pero sen un calendario de prazos”
“Queda claro que cando se trata de realizar o nomeamento de familiares ou amigos, tanto no PSOE como no BNG teñen a axilidade necesaria para realizar toda a tramitación imprescindible”, sinalaron, poñendo como contrapunto como “dende o ano 2019 hai numerosos problemas de persoal no Concello de Lugo aos que se negan a dar solución”, en referencia os necesarios reforzos de numerosos servizos, como poden ser a brigada de augas, bombeiros ou o reforzo do persoal na escola infantil municipal Gregorio Sanz, entre outros.
Ademais, criticaron “a falta de ambición” do PSOE e do BNG na Deputación de Lugo que “onte mesmo aprobaron unha reforma da RPT que quedou a medias” xa que “ademais de crear dous postos de secretario-interventor puideron dar resposta a numerosos problemas enquistados e reforzar servizos, así como recuperar ao persoal de Tragsa que botaron trala supresión de Suplusa”.
