Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao voceiro do PP de Quiroga, Adrián González, comprobaron o estado do complexo turístico de Augasmestas, propiedade da Deputación de Lugo e localizado no Concello de Quiroga, que “un ano máis semella ter moi complicado abrir de cara á campaña de verán a pesar de que o goberno de PSOE e BNG anunciou durante 2025 contratacións por importe de 264.933,12€”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denunciou o estado de “abandono total” no que se atopa Augasmestas, xa que “o mobiliario e o material interior —que contaba cun prazo de instalación de dous meses — segue sen colocarse”.
A isto súmase o lamentable estado do exterior: o peche vexetal atópase seco por falta de coidado e as zonas verdes están totalmente descoidadas. “É inaceptable que se invistan fondos públicos en contratos que despois non se supervisan nin se manteñen”, lamentou.
Algunhas das principais contratacións realizadas por PSOE e BNG para este complexo turístico son:
-
Equipamento do campamento (Lote 1), 92.704€
-
Equipamento do campamento (Lote 2), 60.500€
-
Posta en funcionamento do campamento, 44.348,94€
-
Mellora da depuración, 35.234,41€ (pendente de instalar)
-
Peche vexetal, 29.340,03€
-
Subsanación de defectos, 2.865,74€
Antonio Ameijide denuncia que este é un exemplo máis da “nefasta xestión” de socialistas e nacionalistas. “Estamos case en abril e un recurso turístico de primeiro nivel para a comarca segue pechado e deteriorándose”, denunciou.
Para o voceiro popular “a situación é moi preocupante” xa que “vemos como son incapaces de poñelo en marcha tras case 20 anos pechado” polos gobernos de PSOE e BNG.
“Non sabemos sabe cal é a previsión do goberno provincial, nin o proxecto, nin a que se vai dirixir, nin en que condicións, pero vemos como a realidade apunta a que teñen moi complicado poñelo en marcha”, indicou.
COMPLEXO TURÍSTICO PIONEIRO
O complexo de Augas Mestas foi inaugurado en 1996 na confluencia dos ríos Lor e Sil, no entorno da Ribeira Sacra e do xeoparque Montañas do Courel, e as instalacións dispoñen de zona de acampada, bungalows, outras construcións de pedra, piscinas – unha para adultos e outra para nenos-, edificios de servizos -recepción, restauración, vestiarios- e, incluso, un pantalán de acceso ao río para embarcacións.
“Un complexo pioneiro que debera ser referente e tractor turístico dun entorno privilexiado que leva anos esquecido polos gobernos provinciais de PSOE e BNG que suspenden en materia de impulso turístico”, afirmou.
Dende o Grupo Provincial Popular temos claro que Augamestas “é fundamenal para dinamizar a actividade na zona” que, ademais, se viu afectada polos incendios forestais do pasado verán.
POSTA EN VALOR DO EMBARCADOIRO
Ameijide cre tamén que “hai que estudar a forma de recuperar as rutas de catamarán dende o embarcadoiro de Augasmestas que foron desmanteladas polos gobernos de PSOE e BNG; unha mágoa que onte se presentasen as rutas fluviais en catamarán e non houbera nin unha soa referencia ás rutas no entorno de Quiroga e Ribas de Sil”.
Así mesmo, defende a compatibilidade do uso do pantalán por parte da asociacións ou entidades asociativas co da propia actividade do complexo; despois de que “o goberno da Deputación negara sen ningún tipo de xustificación lóxica o seu uso por parte doutras entidades”. De feito, “en toda a rede de embarcadoiros da provincia se autoriza o seu uso, por exemplo, a empresas de turismo fluvial dinamizan o sector turístico ao mesmo tempo que poñen en valor o noso territorio”. Polo tanto, “denegar o uso do embarcadoiro de Augasmestas parécenos inxusto e carente de sentido”.
