InicioPolíticaA presidenta da Deputación e o alcalde de Lugo supervisan as obras...

A presidenta da Deputación e o alcalde de Lugo supervisan as obras na avenida Adolfo Suárez

Carmela López avanzou que “licitamos estes primeiros traballos por algo máis de 200.000€ e temos previsto adxudicalos este mesmo mes de marzo para que a transformación desta zona da cidade comece canto antes”.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este venres a avenida lucense Adolfo Suárez, que a institución provincial renovará integramente con 809.138,23€. Este é un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira e unha das futuras conexións coa Estación Intermodal dende a autovía A-6. O proxecto divídese en dúas fases e a primeira delas afectará ao treito que vai desde a glorieta coa rúa Serra de Meira e Montero Ríos ata fin de solo urbano.

Carmela López avanzou que “licitamos estes primeiros traballos por algo máis de 200.000€ e temos previsto adxudicalos este mesmo mes de marzo para que a transformación desta zona da cidade comece canto antes”. A mandataria provincial explicou que esta primeira parte do proxecto inclúe actuacións dirixidas a mellorar o pavimento actual “realizarase o fresado do firme e, posteriormente, repavimentarase con aglomerado en quente”, afirmou.

Tamén se van executar outras obras complementarias como: a reposición dunha tubaxe de sumidoiros e o axuste de tapas, así como a substitución das que se atopen deterioradas. Ademais, tamén se vai reparar un sumidoiro na intersección coa rúa Venancio Senra. Unha vez finalizados os traballos de arranxo do firme procederase ao pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e amarelas, colocaranse os fitos correspondentes e reporanse aquelas sinais que se atopen deterioradas.

A Presidenta fixo especial fincapé en que este proxecto mellorará o aspecto da zona leste da cidade e “contribuirá directamente ao seu crecemento”. Recalcou ademais que esta actuación “garantirá a accesibilidade e favorecerá unha mobilidade máis eficiente e segura para todos os veciñas e veciñas de Lugo”.

Carmela López puxo en valor o compromiso da Deputación cos 67 concellos da provincia “iniciativas coma esta son a mostra de que se as administracións traballamos conxuntamente podemos sacar adiante actuacións que melloran directamente a calidade de vida da veciñanza”.

Sobre os últimos proxectos que da Deputación coa capital da provincia, a mandataria destacou as obras de desdobramento da Avenida Infanta Elena, nas que a institución investiu 2,4M€; os traballos de mellora nun tramo da LU-P-2902, a vía que vai desde Lugo ata Ponte de Ombreiro con 210.000€; e as obras na Rúa Filarmónica “que anunciamos a semana pasada e tal e como nos comprometemos vimos de licitalas na Xunta de Goberno deste mesmo venres por case 100.000€”.

Pola súa banda, Miguel Fernández destacou que “no modelo de cidade no que estamos a traballar xogan un papel moi importante os principais accesos a Lugo, e por iso executamos a posta en valor da avenida de Madrid e tamén o desdobramento da avenida Infanta Elena. Agora, ábrese outra gran transformación dos accesos a Lugo, coa próxima intervención en Adolfo Suárez, nunha primeira fase, que é posible gracias á colaboración da Deputación de Lugo, que está a permitir avanzar na mellora destas vías esenciais para a cidade, gañando en seguridade, mellor mobilidade e unha imaxe urbana acorde coa cidade que queremos.

Esta intervención forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe unha segunda fase, para dotar a este acceso, -o último que queda na mellora das entradas á cidade-, de beirarrúas e dun trazado máis adecuado. En definitiva, unha actuación moi importante para Lugo e que é posible gracias á lealdade e ao apoio institucional da Deputación, en contrapunto á forma de actuar doutras administracións que non sempre responden ás necesidades de Lugo.

+ posts

ÚLTIMAS

Asinado o convenio entre Deputación e concellos para asumir os custos das residencias provinciais

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asinou este venres cos alcaldes un...

Preocupación do SLG polas dúas plantas de biogás previstas en Abadín

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mostrou a súa inquietude ante o proxecto de...

CC.OO. acusa ao Goberno de Lugo de exercer un “feminismo de pancarta”

A Unión Comarcal de CC.OO. de Lugo acusou este venres ao goberno local de...

A Deputación destina dous millóns de euros para mellora de estradas e atender emerxencias en oito concellos

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento por...