Os senadores do PP pola provincia de Lugo denunciaron que “non circularán” trens eléctricos, polo que practicamente o “90 %” dos trens que se usarán seguirán a ser de combustible, a pesar do millonario investimento da que “presume” o Goberno central en materia de electrificación. Segundo indicaron os populares nun comunicado, o Goberno respostou a preguntas formuladas polos representantes do PP no Senado e indicou que a liña ferroviaria “seguirá funcionando con material rodante diésel ao tratarse dunha liña de ancho ibérico que actualmente non se atopa electrificada”.
A continuación, os populares criticaron que “non existe ningún compromiso nin calendario” para electrificar o tramo Lugo-A Coruña. “O Goberno presume dun investimento duns 625 millóns de euros na electrificación da liña Ourense-Monforte-Lugo, pero recoñece que, mentres non se electrifique a parte restante ata A Coruña, non circularán trens eléctricos pola capital lucense“, esgrimen os populares. Os populares inciden en que “é inadmisible” que Lugo vaia contar cunha estación intermodal moderna, pero “con poucos trens e con material propio do século pasado”.
