A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este luns Lugo para presentar, xunto aos responsables do proxecto, o PIA do Sacro Corazón, que implica a construción de máis de 1.200 vivendas, de promoción pública e privada, distribuídas en 22 bloques de edificios.
A conselleira cualificou o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Sacro Corazón como unha “gran oportunidade e unha magnífica noticia” para a cidade de Lugo. Segundo destacou, este desenvolvemento urbanístico permitirá habilitar solo e converterase nunha motor clave “para un crecemento urbano ordenado e sostible”.
O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a aprobación inicial do PIA e, a partir do venres, ábrese un prazo de 15 días naturais para a presentación de alegacións. Como explicou Martínez Allegue, este que se presentou este xoves é o primeiro Proxecto de Interese Autonómico, dos 12 que está a tramitar a Xunta de Galicia en 11 concellos, que alcanza esta fase de aprobación inicial.
A conselleira explicou que a previsión é aprobar definitivamente o proxecto no último trimestre do ano, o que permitiría licitar as obras o próximo exercicio e comezar a urbanización en 2028, de forma simultánea ao comezo da edificación. O proxecto contempla un investimento estimado de 15 millóns de euros neste ámbito, unha actuación que, segundo subliñou Allegue, foi acordada co Concello de Lugo.
O ámbito do PIA do Sacro Corazón abarca unha superficie de 12 hectáreas e sitúase ao nordeste da cidade, nun enclave estratéxico próximo á futura estación intermodal e no ámbito do novo CEIP do barrio. Ademais dos edificios residenciais, o proxecto inclúe unha ampla zona destinada a equipamentos na parte posterior do colexio, así como usos terciarios, zonas verdes, rede viaria, servizos de abastecemento, iluminación, gas e telecomunicacións, ademais de áreas de estacionamento. Para Allegue, trátase de “un proxecto ambicioso e absolutamente necesario para Lugo”.
UNHA CARBALLEIRA LINEAL DEFINE A EDIFICIACIÓN
Os deseñadores do proxecto acudiron á presentación e explicaron que este significou “un reto”, polo elevado número de vivendas e para poder preservar a carballeira lineal existente, que se converteu no eixo central do proxecto. De feito, esta zona arboredo está no medio da área e xunto a ela irá a vía principal, que dará acceso aos diferentes bloques, que non terán máis de seis alturas, para manter a liña co resto de edificacións da cidade.
Tamén se respectan no proxecto, no seu maior parte, os actuais camiños e, excepto na rúa principal, terán prevalencia os peóns. Tamén se destacou como particularidades deste PIA que as zonas verdes ocuparán case un 30 % do espazo, deixando tamén lugar para o desenvolvemento de zonas comerciais e de negocios, así como zonas de aparcadoiro suficientes para o novo barrio. Tamén destacaron que a colocación dos bloques de promoción pública e os da privada fíxose combinando ambos.
Este PIA enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial impulsada pola Xunta, cuxo obxectivo é facilitar a construción de 25.000 vivendas en toda Galicia, das que 20.000 serán protexidas. A conselleira lembrou que Galicia é pioneira no uso da figura dos Proxectos de Interese Autonómico para acurtar prazos e acelerar a posta en marcha de novos desenvolvementos residenciais.
