InicioPolíticaLío no Concello de Lugo por unha factura: Candia acusa a Arroxo...

Lío no Concello de Lugo por unha factura: Candia acusa a Arroxo de malversación

A portavoz do PP denuncia que Miguel Fernández rectificou un pago autorizado por Arroxo a unha empresa sen que, segundo di, conste a prestación do servizo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A portavoz do grupo municipal do PP en Lugo, Elena Candia, denunciou o que considera “unha situación especialmente grave”, en relación á decisión do alcalde, Miguel Fernández, de rectificar o pago dunha factura que ordenara o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, en funcións de rexedor, ao entender que “non está acreditada a prestación do servizo”. No foco está unha factura de Lugo Máxico, para a empresa O Asombro, por valor de 1.149 euros.

Tras a denuncia da portavoz popular, Arroxo emitiu un comunicado, no que ameaza con emprender accións legais ante “as calumnias” vertidas por Candia, á que acusou de “meter bulos na política local, nesta ocasión moi graves” e apuntándolle a el. Segundo explicou, a rectificación relativa á factura responde á “corrección dun erro” ligado a que unha actividade non se puido celebrar por unha cuestión técnica do auditorio, dado que “saltaron os medios de protección ante incendios.

“Os servizos municipais detectaron que se coou por erro a factura de 1.149 euros desa actividade. Erros que pasan con certa frecuencia porque todos somos humanos, pero que despois se corrixen. Así foi detectado e corrixido, e quen ten a potestade para asinar esta corrección é a persoa que ostenta a Alcaldía nese momento. Pois ante isto, á representante do PP non se lle ocorre outra barbaridade que chamarme malversador e inventar o bulo”, censura.

“LIÑA VERMELLA”

Os populares, con todo, apuntan que se ata agora existía “unha desconfianza” entre os membros do goberno municipal, con esta “rectificación” pásase “unha liña vermella”. “Miguel Fernández di que non vai pagar a factura que aprobou por decreto Arroxo o 14 de outubro, estando como alcalde en funcións”, remarcan. De feito, o PP cre que a situación supón “unha estafa aos lucenses” e evidencia que “o seu pacto só é para que non goberne o PP, o partido gañador das eleccións”, e esgrimiu que ou Arroxo ou Fernández “faltan á verdade”.

Na páxina 3 do decreto que asina Rubén Arroxo indícase que as facturas están acreditadas tendo en conta a conformidade prestada polas concellarías delegadas e os servizos técnicos municipais ás mencionadas facturas electrónicas, corroborando así a efectiva execución dos servizos detallados nelas. Por tanto, ou mente Rubén e de ser así pedimos que o alcalde lle cese de inmediato; ou quen mente é o alcalde simulando unha operación de falsa fiscalización“. De feito, o PP agrega que, se fose así, Arroxo “debería defender que se pague ao provedor”.

CONSULTA Á IA

Os populares recalcan que este é un feito moi grave e aluden a que, segundo unha consulta “á Intelixencia Artificial”, o pago por servizo non prestado desde unha administración supón “unha práctica que constitúe unha irregularidade administrativa grave, ao vulnerar os principios de legalidade, eficiencia, transparencia e control do gasto público”. “Así mesmo, pode dar lugar a responsabilidade contable, administrativa ou penal. Nos casos en que exista intención o coñecemento do carácter indebido do pago, a conduta pode encadrarse no tipo penal de malversación de caudais públicos, conforme ao previsto no artigo 432 e seguintes do Código Penal”, continúan.

“PARADA PROVISIONAL DESDE MONDOÑEDO”

Arroxo mostrou a súa indignación tamén en redes sociais, onde o BNG difundiu un comunicado no que, ademais de recalcar que se estudarán posibles medidas xudiciais, o dirixente nacionalista esgrime que Lugo é “unha cidade tranquila” e que, quen son de alí, tratan de que “mellore”. “Non podemos seguir permitindo que unha señora que vén facer parada provisional a Lugo desde Mondoñedo, mentres non atopa o seguinte feudo, estea a crear este nivel de crispación e bulos”, conclúe, en alusión a Candia, tamén líder provincial dos populares.

ÚLTIMAS

Alerta amarela na provincia de Lugo polo temporal con ventos de 100 km/h

O AEMET mantén o aviso laranxa para o litoral das provincias da Coruña e...

Investigan catro veciñas de Vilalba por presunto delito de furto

A Garda Civil investiga a tres veciñas de Vilalba (Lugo), de...

A Deputación e empresarios da provincia abordan alianzas entre Galicia e Uruguay

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e empresarios abordaron alianzas estratéxicas entre...

O PP reivindica a “paixón e o rigor” de Cacharro na política: “Hai que saber de onde vimos”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou este mércores "o legado de estabilidade, fiabilidade...