O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE de Lugo, despois de que este martes tres dos deputados non asistisen á sesión plenaria e, por conseguinte, deixasen ao goberno en minoría, e a asegurou que “hai compromiso de todos” para que “non volva pasar”.
Tras unha reunión de dúas horas, celebrada na tarde deste xoves, o presidente provincial compareceu ante os medios e cualificou a sesión de “tranquila, de moito debate e longa”, na que concluíron que, “o que pasou o outro día non tiña que pasar e non volverá suceder”.
Asistiron a esta reunión 9 dos 10 deputados socialistas, xa que Francisco Cajoto tiña esta mesma tarde a asemblea para a renovación da directiva local, na que era a cabeza de lista, aínda que se mantivo en contacto. Unha vez finalizada esta, foron xuntos a tomar algo mentres o presidente encargábase de dar conta do tratado. Tomé cualificou a falta ausencia dos deputados como “unha situación insólita” e recalcou que hai compromiso “de todos” para que isto “non volva pasar”, “porque os cargos públicos deben estar nas institucións”.
O presidente provincial defendeu, en todo momento, que “a estabilidade institucional da Deputación está garantida” pero si se desculpou cos militantes, aínda que recoñeceu que o pleno, a pesar da falta dos tres socialistas, “desenvolveuse con total normalidade”. Os tres deputados que non asistiron ao pleno do martes foron os que encabezaron a lista alternativa a Tomé nas primarias, Iván Castro, Marisol Morandeira e José María Arias, aínda que o presidente da Deputación restou importancia a ese feito “xa que non ten que ver a Deputación coas primarias do partido”. Afirmou que non haberá cambios na executiva provincial “pero que hai vontade de que mellore a coordinación dentro do seo socialista”.
FALTA DE COMUNICACIÓN
Xa que non houbo comparecencia dos ausentes, o rexedor provincial explicou que o fallo estivo en “unha percepción que tiñan e que non comparte de falta de comunicación cara a eles” polo que se comprometeron a mellorar esas vías de comunicación entre ambas as liñas ideolóxicas. Para iso, designou á portavoz do partido, Pilar García Porto, como responsable desta función.
José Tomé comprometeuse a que o Goberno provincial “continúe igual que ata agora”, cos dez deputados do grupo socialista e cos tres do BNG. Ademais, asegurou que non haberá cambios nas atribucións nin tampouco represalias polo sucedido, “porque non se pode sancionar a primeira vez”.
A continuación, Tomé recoñeceu que a finalización do contrato da asesora que apoiou a lista de Iván Castro foi un dos temas que se tratou na reunión, lembrando que “cumprimos o pactado o ano pasado, xa que o seu contrato terminaba cando finalizaba o mandato da executiva e así foi”.
Tampouco faltaron as críticas ao Partido Popular polo seu “comportamento pouco exemplar” ao non interesarse antes de acusar por saber o que pasaba. Tamén lle acusou de “irresponsable” por votar en contra da apertura da residencia Becerreá, punto crucial da sesión, e comprometeuse a levalo de novo á sesión de xullo, “porque a residencia se vai a abrir”.
BESTEIRO DÁ POR “RESOLTA” A CRISE
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, deu por “resolta” a crise do PSOE de Lugo despois de que o venres o goberno da Deputación perdese varias votacións no pleno pola ausencia do tres deputados socialistas que lideraron a candidatura alternativa a José Tomé no proceso de primarias: Iván Castro, José María Arias e Marisol Morandeira.
A preguntas dos medios este venres tras visitar a sede de Ilunion Téxtil Care en Santiago, o líder dos socialistas galegos remitiuse ás declaracións realizadas polo presidente do PSOE de Lugo, José Tomé, nas que daba por resolta a crise.
“Resolto totalmente, tal e como manifestou José Tomé. Por tanto, creo que esas palabras deixan meridianamente claro que o asunto está absolutamente resolto”, insistiu.
Así mesmo, Gómez Besteiro aseverou tamén que unha cuestión deste tipo “non se vai a volver reproducir” e que o tema está “absolutamente resolto”.
CRÍTICAS DO PP
O portavoz provincial do PP de Lugo, Antonio Ameijide, cualificou as explicacións que o presidente da Deputación, José Tomé, ofreceu o xoves, como “unha posta en escena que non se cre ninguén”.
O popular non ve cribles o “cúmulo de malentendidos” sobre o que falou Tomei unha vez finalizada a reunión mantida con todos os deputados do PSOE, polo que insistiu en que “a pantomima non se sostén” e que, en realidade, “estamos ante un presidente esgotado e debilitado”.