InicioPolíticaLugo terá novo alcalde o vindeiro martes tras constatarse a "boa sintonía"...

Lugo terá novo alcalde o vindeiro martes tras constatarse a “boa sintonía” entre Fernández e Arroxo

Arroxo avanza unha "política continuista" tras manter a súa primeira reunión co candidato socialista á Alcaldía

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno de investidura para elixir ao novo alcalde da cidade de Lugo terá lugar o vindeiro martes, 11 de marzo, tal e como confirmou o alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, que informou de que a sesión foi convocada para as 19,00 horas.

Este anuncio vén valida a decisión tomada polo grupo municipal este mércores pola tarde para que Miguel Fernández sexa o próximo mandatario, tras o falecemento de Paula Alvarellos, o pasado sábado por mor dun infarto. O alcalde accidental mantivo xa unha primeira reunión co candidato socialista para establecer a convocatoria deste pleno extraordinario e para comezar a falar das tarefas pendentes.

Arroxo destacou “a axilidade” coa que o PSdeG resolveu a situación ao asegurar que “nun momento moi complicado conseguiron resolver esta situación en tempo marca”. A decisión, segundo avanzaran os socialistas, pospúxose ata o final do período de loito oficial, o pasado martes ao mediodía, pero ao coincidir en festivo, non foi ata o mércores que se reuniron, a porta pechada e sen convocatoria á prensa, para escoller ao sucesor.

O que será o novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que non quixo facer declaracións á prensa tras a reunión na que se acordou a súa designación, avanzou nunha breve intervención na mañá deste xoves que comeza esta etapa “nunhas circunstancias difíciles, con moita ilusión e moitas ganas”. Ademais, agradeceu o apoio prestado polos compañeiros por permitirlle “a honra” de trabjar pola sociedade e os veciños e veciñas

O SOCIO DE GOBERNO

De cara ao novo período que comezará o martes, o responsable nacionalista anunciou que os cinco concelleiros nacionalistas manterán as mesmas responsabilidades que ata agora, con Rubén Arroxo a cargo da área de Mobilidade e Infraestruturas; Maite Ferreiro en Cultura, Turismo e Promoción da Lingua; Alexandre Penas como concelleiro de Infraestruturas Urbanas; Cristina López a cargo da área de Participación e Servizos á Veciñanza; e Iria Buide á fronte da Concellaría de Educación e Difusión do Coñecemento.

Avanzou tamén que coa sorpresiva morte de Paula Alvarellos quedaron sen pechar varios temas, destacando como prioritaria a aprobación definitiva dos orzamentos. Arroxo explicou que quedaron no aire “proxectos que estaban xa na grella de saída e que coa volta á normalidade retomaranos ata completalos”.

En particular, citou a ordenanza de terrazas, “a primeira normativa en Lugo que regulará estas instalacións, que está practicamente pechada” e a organización do tráfico do centro histórico, unha vez aproxímase o final das obras, “o que fai necesario pechar os itinerarios de circulación definitivos”.

Rubén Arroxo destacou a necesidade de “porse en marcha” para manter o ritmo de traballo que se estableceu xa este ano, “despois dun 2024 moi complicado”. Pediu, por tanto, facer o máis pronto posible un novo decreto de organización para a repartición das funcións no grupo socialista para “retomar a actividade que é urxente”.

Non descartan os nacionalistas unha nova reunión co novo alcalde, que consideran “necesaria e positiva”, aínda que lembrou que hai un acordo entre ambos os partidos que ten unha vixencia de catro anos. “Unha reunión como a que tivemos cando Lara deixou a Alcaldía en mans de Paula”, para perfilar os detalles.

Arroxo destacou “a boa relación persoal” que mantivo con Miguel Fernández ao longo do últimos dez anos que compartiron na Corporación, ao que cualificou como unha “persoa dialogante, que busca acordos”. Referiuse a este talante como algo “clave para garantir o bo funcionamento do goberno local” e afirmou que “máis aló dos cambios que haberá no goberno debido á reestruturación do grupo do PSdeG, van manter unha política continuista baseada no pacto asinado entre as dúas forzas que conformamos o Goberno”.

Sobre a compatibilidade da Alcaldía co seu posto como deputado provincial, Arroxo sostivo que “terá que ser el o que tome unha decisión sobre se é posible manter as dúas dedicacións”.

REACCIÓN DOS POPULARES

Pola súa banda, a portavoz do PP en Lugo, Elena Candia, comunicou ao que será o novo alcalde, Miguel Fernández, a súa intención de porse a disposición do novo candidato, “co único propósito de ser de axuda” ao que sumou a súa “máxima colaboración” e “profundo respecto” para que o Concello retome a súa actividade “o máis pronto posible”.

O grupo municipal xa anunciara a súa intención de deixar ao Goberno local “reestruturarse nun momento tan complexo” e por iso decidiron non presentar iniciativas para as comisións de pleno deste mes de marzo. “Isto non significa en ningún caso unha paralización do noso labor como principal grupo da oposición. Seguiremos traballando con compromiso e dedicación polos veciños e defendendo as nosas propostas, pero entendemos que, nun contexto como este, o prioritario é que o Concello poida recuperar a normalidade canto antes”, dixo.

ÚLTIMAS

Entregan 2.000 sinaturas na Xunta para ter pediatra en Castro e Outeiro de Rei

Unha representación das familias afectadas pola falta de pediatra dos concellos de Castro de...

Miguel Fernández será o novo alcalde de Lugo tras o falecemento de Paula Alvarellos

O que foi número dous na lista da exregidora e deputada autonómica Lara Méndez,...

‘O Millón’ do sorteo de Euromillones deixa un gañador en Lugo

O boleto acertante de 'O Millón' do sorteo de Euromillones deixou un gañador en...