O pleno da Deputación de Lugo deste martes foi escenario dun novo un cruzamento de acusacións entre os distintos partidos pola apertura do centro de maiores de Becerreá.
Así, o goberno provincial anunciaba a aprobación inicial da memoria que recolle os aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do proxecto, ademais da ordenanza de acceso ao servizo de atención residencial e diúrna, e os regulamentos internos do centro. O acordo saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, BNG, e a abstención do Partido Popular.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicaron que “este avance é froito dun intenso traballo da Comisión de Estudo da Deputación, que elaborou un informe de preto de 300 páxinas detallando o modelo de xestión que garantirá a viabilidade e a calidade do servizo”.
Ademais, cualificaron a abstención do PP como “un exemplo do nulo compromiso coas residencias e unha falta clara de coherencia porque apoiaron a creación da Comisión de Estudo”.
Rivera Capón criticou unha vez máis “a inacción” doutras administracións, como a Xunta de Galicia, “que posúe a competencia exclusiva en servizos sociais e non achegou nin un só euro para a posta en marcha deste centro nin de ningún outro da rede provincial”.
Sobre este particular, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, explicou que “se trata dunha saída adoptada unicamente para abrir a residencia de Becerreá, un proxecto herdado da xestión do Partido Popular e do alcalde de Becerreá Francisco Martínez, que rebentaron o modelo de centros de atención a maiores sustentables da Deputación cun macroedificio, inasumible para unha Deputación, sen o apoio da Xunta”.
A negativa do PP a este proxecto centrouse na falta de explicacións en varios puntos, como a razón pola que aseguran que será un 60 % máis cara que o resto de residencias da Deputación; alegan tamén a falta de diñeiro para a dotación de mobiliario, “xa que será a empresa concesionaria a que se ocupe desa función” e reclaman unha data de licitación, “algo que se dilata no tempo”, á vez que acusaron a Tomé de executar “un pelotazo residencial”.
DEPENDENCIA
Por outra banda, debatéronse dúas mocións sobre dependencia: unha delas do PSOE, que esixe á Xunta que retire as reformas na Lei de Servizos Sociais porque “deterioran a calidade da atención á dependencia”, e que aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG e co voto en contra do PP.
O texto insta á Xunta a distintas accións, como que retire os cambios introducidos que permiten a persoas sen titulación adecuada tramitar e informar as solicitudes da Lei de Dependencia; que habilite medidas reais para garantir a correcta valoración da dependencia, a resolución en prazo das solicitudes e que acurte a espera entre que se concede a prestación e esta faise efectiva; ou que se deseñe un plan de reforzo do sistema público de Servizos Sociais para dar resposta, tanto ás necesidades actuais das persoas que esperan por unha praza de residencias, como ás situacións de incremento de demanda que fai previsible o proceso de envellecemento da poboación.
“Son cuestións que preocupan aos cidadáns, cidadáns maiores que están intranquilos polo enorme atraso que leva a Xunta nas solicitudes de dependencia. E o Goberno galego no canto de pór medios para resolver a situación, o que fai é castigar aos concellos”, explicaron, pondo como exemplo o SAF e a previsión da Xunta de sancionar aos municipios que non cubran o servizo.
Desde o grupo socialista destacaron os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), nos que se explica que en Galicia farían falta 14.600 prazas máis de residencias e que as 21.000 dispoñibles na comunidade están situadas nun ámbito privado a prezos “inasumibles”. O PSOE engadiu que a poboación da provincia de Lugo ten agora mesmo preto de 98.000 persoas por encima dos 65 anos, pero que na próxima década esa cifra incrementarase noutras 50.000.
O PP presentou tamén a súa moción sobre a dependencia, na que reclamaron “que se cumpra o compromiso que hai con Galicia de sufragar o 50 % da atención á dependencia”. Por iso, esixen o pago dos 1.500 millóns de euros que, segundo aclaran, débeselle ao SAF. Tamén saíu adiante esta iniciativa, xa que aínda que o PSOE votou en contra, o BNG abstívose.
OUTROS ACORDOS
O Pleno aprobou unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de promoción de vivenda pública “urxente” que poida dar solución ás 2.252 demandas que hai actualmente. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.
O PP logrou aprobar tamén cos votos a favor dos deputados do Partido Popular e do BNG a súa proposta de petición ao Goberno central para que corrixa o Plan Director do Corredor Atlántico “para evitar o illamento da provincia de Lugo” garantindo a conexión coa alta velocidade e investimentos en infraestruturas. O portavoz, Antonio Ameijide, sinalou que piden “o mesmo que para outros territorios”.
Os populares esixen compromisos concretos, cifras detalladas e prazos definidos para a execución de obras de mellora das infraestruturas viarias e ferroviarias de titularidade estatal incluíndo ademais a conexión real por Alta velocidade de face a garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento dos concellos da provincia de Lugo “en igualdade de condicións a outros territorios”.
Finalmente, foron aprobadas por aclamación dúas declaracións institucionais consensuadas entre o tres grupos: unha para reivindicar o Día Internacional da Muller que se conmemora o próximo 8 de marzo, e outra para promover a prevención, a investigación, o diagnóstico precoz e o tratamento das enfermidades raras con motivo da conmemoración, o próximo 28 de febreiro, do día mundial destas doenzas.