InicioPolíticaLea pola promoción do Arde Lvcus en Fitur: o Concello de Lugo...

Lea pola promoción do Arde Lvcus en Fitur: o Concello de Lugo reprende á Xunta

A iniciativa do Goberno galego consistía en levar ás tropas do Arde Lvcus a desfilar en Madrid e participar nunha recepción en Fitur.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Concello de Lugo e o PP protagonizaron nas últimas horas unha lea pola presentación do Arde Lvcus en Fitur, un acto que preparaba a Xunta de Galicia “ás costas” do Concello, segundo apunta o Goberno local. Unha actitude que o PP tacha de “sectarismo político”. Explica nun comunicado o grupo popular municipal que a Alcaldía e a concellaría de mocidade mostrou a súa desconformidade co acto previsto pola Administración autonómica para divulgar o Arde Lvcus en Madrid, na feira Fitur.

Esta mesma postura expresouna o Concello nun comunicado este martes, onde criticou a “falta de lealdade e transparencia” da Xunta con esta actividade. Pola súa banda, o concelleiro popular Javier Vázquez lamentou que a “confrontación constante” converteuse na “marca” do Goberno de Lugo. “Xa estabamos adoitados á crispación que PSOE e BNG fan contra a Xunta para tapar as súas medias verdades. Pero agora sorpréndennos e dan un paso máis: torpedean unha acción positiva, por sectarismo político, e cancelan unha proposta que pretendía dar visibilidade ao Arde Lvcus”, argumenta.

Explican que a iniciativa consistía en levar ás tropas do Arde Lvcus a desfilar en Madrid e participar nunha recepción en Fitur. “Era unha gran oportunidade para promocionar o evento e a cidade”, insistiu Vázquez. “O Arde Lvcus é moito máis que unha festa. É o símbolo do noso orgullo como lucenses e unha riqueza inmaterial que pertence a todos nós. Esta festa non é patrimonio de ningún partido político, non ten nin pai nin nai, é de todos”, aseverou, destacando ademais que se trata dunha iniciativa que parte das propias asociacións implicadas no evento.

CONCELLO

Este é precisamente o argumento que esgrime o Concello, que recalca que o Arde Lvcus é unha festa “municipal”, “non é nin do PSOE nin do PP, nin tampouco é ou debería ser, unha festa en venda”. “A verdadeira vontade de contribuír ao mantemento, proxección e difusión desta festa pasa, como toda colaboración institucional, pola lealdade e pola transparencia, non pola organización paralela de eventos alleos e de costas á administración titular que impulsou a celebración”, censuraron. Nesta liña, consideran que o primeiro paso debería ser comunicar directamente ao Concello a preparación de calquera acción promocional relacionada co Arde Lvcus. “Pero, sobre todo, desde o respecto á potestade que as entidades locais temos para escoller os recursos turísticos que se expoñen en Fitur. Algo que non sucedeu”, lamentan.

Apuntan ademais que o custo da celebración en 2024 ascendeu a 633.311 euros dos que 40.000 (6,31 %) corresponden á achega da Xunta, “polo que a súa colaboración pode ter aínda moito percorrido oficial, si así o desexa”. “Unha pena que, como vén ocorrendo en clave local desde os últimos dous anos, a fórmula escollida para facelo sexa fomentando a ruptura e a crispación social, nunca en beneficio do interese xeral, senón coa única estratexia do ‘divide e vencerás'”, conclúen.

ÚLTIMAS

Sabías que non sempre se comeu polbo no San Froilán?

O San Froilán de Lugo cheira a choiva miúda, mantas, orquestras... e polbo! Pero ese...

Falece un home tras atragoarse nun restaurante de Vilalba

Un home faleceu tras atragoarse cando se atopaba comendo nun restaurante do municipio lucense...

Evacuada en helicóptero unha persoa tras recibir un disparo nunha perna durante unha xornada de caza en Becerrá

Unha persoa tivo que ser trasladada en helicóptero ao Hospital Lucus Augusti (HULA) tras...

Seis persoas están observación no HULA tras intoxicarse con deterxente nunha pulpería durante o San Froilán

Seis persoas foron trasladadas ao Hospital Lucus Augusti (HULA) tras intoxicarse cun café contaminado...