InicioPolíticaA Deputación de Lugo aproba un orzamento de 130,4 millóns para 2025,...

A Deputación de Lugo aproba un orzamento de 130,4 millóns para 2025, destinado a “mellorar servizos públicos”

Foi nun pleno con votos en contra do PP e con desaloxo de público tras protestas pola residencia de Becerreá.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Deputación de Lugo aprobou este martes, cos votos dos grupos de PSOE e BNG e en contra do PP, un orzamento de 130,4 millóns para 2025, case un 12 % máis, destinado a “mellorar servizos públicos”, resumiu a deputada socialista Carmela López, responsable da área de Economía. Foi tras aprobarse, entre outros asuntos, unha declaración institucional en apoio aos veciños e veciñas e concellos afectados pola DANA e con desaloxo do público ante as protestas verbais expresadas por dúas das asistentes en relación ás demandas sobre a residencia en Becerreá.

Antes, e sobre as contas, a deputada Carmela López vinculou o aumento dos orzamentos á participación nos tributos do Estado e incidiu en que as contas se destinarán “a mellorar e ampliar os servizos públicos e promover a actividade económica”. “Cooperación cos concellos e o tecido social, apoio a sectores produtivos e avanzar en proxectos comprometidos, tamén Becerreá”, precisou para incidir nos case once millóns “para manter nove residencias” A iso, sumou outras partidas como 3,4 millóns para axuda no fogar; tres millóns en educación ou 26 millóns para mobilidade. “Unha importante subida para a mellora e conservación da rede viaria provincial”, recalcou.

CRITICAS DO PP

Fronte a iso, o portavoz do PP Antonio Meijide asegurou que o orzamento sobe “porque cada día pagamos máis en impostos estatais”, pero rexeitou que sexa bo. “Son só para unha parte moi pequena”, dixo ao denunciar que se prima a concellos das cores políticas do goberno provincial, algo que desde este se rexeitou. Tamén cuestionou que haxa “diñeiro nos bancos”, en referencia aos intereses, e que, dixo, non se utilice. Por todas estas cuestións, tachou de “inútil” o orzamento.

Fronte a iso, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, defendeu que este organismo vai ter o 1 de xaneiro unhas contas “en tempo e forma” e negou as críticas do PP e defendido que a Deputación de Lugo está “a asumir” competencias da Xunta. Desta, asegurou que “leva máis de dez anos sen construír unha residencia no rural na provincia e nós, sen competencias, incluímos un investimento de algo máis de dez millóns para o coidado dos maiores na provincia”. A iso, sumou partidas para “atender” o patrimonio ou outras destinadas a unha programación propia no ámbito cultural.

Nas posteriores quendas de palabra, Carmela López reivindicou a execución do orzamento por parte do goberno provincial e preguntouse “onde está a Xunta” ao incidir en competencias autonómicas que, recalcou, está a asumir a institución provincial. “Son uns orzamentos responsables e equilibrados”, insistiu. Antonio Ameijide (PP) volveu a cualificar de “inútiles” e “inxustas” as contas mentres que Efrén Castro (BNG) rexeitou estas afirmacións para incidir, ademais, noutras partidas como as destinadas ao tecido produtivo.

RESIDENCIA DE BECERREÁ

Xusto tras producirse a votación, escoitáronse berros en referencia aos deputados socialistas e ao presidente provincial, José Tomé, esixindo “compromisos” en relación á residencia de Becerreá e culpando á Deputación de non dar partidas ao concello. “Quen negou 300.000 euros ao Concello foi a Deputación”, denunciaron.

O presidente provincial mandou desaloxar ao público e, con posterioridade, cualificou de lamentable unha “actuación auspiciada polo PP”, considerou. “O único compromiso foi da Xunta e non o cumpriu, tiñan que preguntarlle por que non o cumpriu”. “Os demais imos cumprilo en tempos legais”, sinalou para asegurar que este “espectáculo se vai a acabar por motu propio ou porque este goberno tomará as medidas que marca a lei”.

“Nada máis antidemocrático que rebentar un pleno”, apostilou o vicepresidente da Deputación de Lugo, que atribuíu o sucedido a “movementos” orquestrados previamente. Entre outros asuntos, na mesma sesión plenaria, presentouse unha moción do BNG para instar á Xunta a garantir os servizos de pediatría de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, que contou co apoio de todos os grupos.

ÚLTIMAS

Segue a busca da octoxenaria desaparecida en Lugo

A Policía Nacional de Lugo continúa dirixindo o operativo de procura de Isaura, de...

A Deputación de Lugo aproba a licitación para polígono da Fonsagrada, por máis de 2,6 millóns de euros

A Deputación de Lugo deu un paso decisivo para dotar á Fonsagrada de chan...

A UNED de Lugo finaliza o curso cun aumento do 13% na súa matrícula

O Centro Asociado da UNED en Lugo acolleu este xoves a reunión ordinaria da...