InicioA UlloaO BNG insta o Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras...

O BNG insta o Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras o “clamor social” manifestado en Palas de Rei

A senadora do BNG, Carme dá Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno da Cámara Alta para instar o Goberno a rexeitar a inclusión do proxecto de Altri no PERTE de descarbonización, tras a manifestación multitudinaria e o "clamor social" contra o devandito proxecto expresado este domingo en Palas de Rei (Lugo).

PUBLICADA O

- Advertisement -

A senadora do BNGCarme da Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno da Cámara Alta para instar o Goberno a rexeitar a inclusión do proxecto de Altri no PERTE de descarbonización, tras a manifestación multitudinaria e o “clamor social” contra o devandito proxecto expresado este domingo en Palas de Rei.

Da Silva chamou ao resto de forzas políticas a apoiar ese clamor social e pedirá ao Goberno que priorice a preservación do medio natural e da actividade agrogandeira e marisqueira, fronte aos intereses da multinacional, que pretende instalarse neste municipio lucense “axudada por diñeiro público”.

Segundo subliñou a senadora nacionalista, os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sinalan que os proxectos beneficiarios de axudas “deben contribuír a asentar economías máis sustentables e mellor preparadas para as transicións ecolóxica e dixital”, polo que o Executivo “non pode nin debe destinar diñeiro público para financiar proxectos como este, que afectan negativamente ao ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso irresponsable dos recursos hídricos”.

Por iso, o BNG pide que se dea prioridade á preservación ambiental e á protección da actividade socioeconómica, optando por proxectos que favorezan un desenvolvemento sustentable en Galicia, “en lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, certamente, causará un tremendo impacto ambiental e que está a xerar rexeitamento do conxunto da sociedade galega”.

Nese sentido, a senadora do BNG pide que se revise “con rigor” o proxecto de Altri e que non poida optar a axudas do PERTE nin a outras axudas directas ou créditos, á vez que lembrou que a manifestación deste domingo foi unha mostra de “dignidade” dun pobo “loitando polo seu futuro”.

“As forzas políticas teñen que aclarar se están a favor de implantar o proxecto ou en contra, non vale a distancia. Xogámonos o futuro social, ambiental e económico do país”, proclamou Carme da Silva, que engadiu que “mesmo o PP está a tempo de cambiar de posición” para antepor os intereses dos galegos aos intereses de empresas que só queren “expoliar” os recursos e “deixar contaminación”.

BESTEIRO RECOÑECE QUE NON LLE “GUSTA” O PROXECTO DE ALTRI

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeGJosé Gómez Besteiro, recoñeceu que non lle “gusta” o proxecto de Altri na comarca da Ulloa pero cre que hai que “ir máis aló” de opinións persoais e reclamar que se dean “explicacións” sobre a iniciativa empresarial. Así se pronunciou o responsable dos socialistas galegos a preguntas dos medios este luns, día despois da manifestación contra o proxecto celebrada en Palas e que estivo apoiada por formacións políticas como BNG, Sumar, Podemos e Anova.

Besteiro, que apuntou que na marcha de Palas “había moitos socialistas”, indicou que “non se trata” de expresar se “gusta ou non gusta” o proxecto. “Se alguén cre que con iso fixo o seu labor, está moi equivocado”, apostilou. Así, subliñou que a el, persoalmente, non lle “gusta” o proxecto polo “cambio que se experimentou” desde o seu anuncio ao que, segundo Besteiro, pretende Greenfiber levar a cabo, polo que considera que hai que “ir máis aló” e reclamar “explicacións”.

Para Besteiro, é preciso que se aclare “que foi o que cambiou” sobre a actividade da planta, o número de traballadores prometido ao que se prevé que xere a planta coa súa posta en marcha ou a “viabilidade” da factoría máis aló dos fondos públicos que os seus promotores piden. O socialista subliñou que “non é un proxecto exclusivamente privado” porque “se introduciron cuestións políticas” cando a Xunta “presentou e apadriñou” o proxecto “aos catro ventos”.

Tamén porque Greenfiber reclama fondos públicos para pór en marcha a factoría, parte deles dos mecanismos europeos de reactivación e de descarbonización da economía. Por iso, incidiu en que “aínda” se atravesa unha “fase” de aclaración do proxecto e manifestou a súa “confianza” no traballo dos técnicos da Xunta que, segundo Besteiro, tamén será “fiscalizado” polas forzas políticos como parte da súa “obrigación”.

ÚLTIMAS

Alerta laranxa por treboadas na montaña de Lugo

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para...

O BNG denuncia que o SERGAS deriva mulleres de Lugo a unha clínica de Vigo para abortar

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, denunciará no Cámara galega que...

As primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia comezan este venres en Friol

O municipio lucense de Friol recibirá a partir deste venres e ata a xornada...

600 euros por deixar un colchón, bolsas de lixo e cousas vellas na rúa sen avisar aos servizos de limpeza

A Policía Local de Lugo denunciou a unha persoa que foi sorprendida depositando lixo na vía pública sen...