InicioPolíticaO PP acusa o Goberno local de "desviar fondos" de persoal a...

O PP acusa o Goberno local de “desviar fondos” de persoal a outras áreas e actuar como unha “rancia patronal”

Elena Candia responsabiliza á alcaldesa, Paula Alvarellos, da débeda contraída cos traballadores denunciada o xoves por sindicatos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo, Elena Candia, acusou este venres ao Goberno local, encabezado por Paula Alvarellos, de “desviar” no ano 2023 “máis de 1.200.000 euros” da partida de persoal “a outras áreas” e de actuar como “unha rancia patronal” en materia de recursos humanos.

As palabras de Elena Candia tiveron lugar no marco dunha comparecencia realizada pola líder dos populares lucenses tan só un día despois de que, este xoves, sindicatos, xunta de persoal e comité de empresa do Concello interviñesen nunha rolda de prensa conxunta para reclamar ao Goberno municipal máis dun millón de euros en atrasos e esixir o cumprimento de todos os compromisos laborais acordados.

“O Partido Socialista de Lugo hai moito tempo que deixou de ser obreiro, os traballadores do Concello deixaron de importarlle, e o BNG segue absolutamente de perfil en decisións estruturais”, manifestou, de maneira introductoria, a portavoz do Grupo Municipal do PP, que asegurou, acto seguido, que os únicos postos de traballo que preocupan ao bipartito “son os seus”. Elena Candia cualificou tamén a xestión do Goberno municipal en materia de persoal como a de “unha rancia patronal” que, subliñou, “nin escoita, nin cumpre a palabra, nin resolve aquilo co que se compromete”.

Así mesmo, a portavoz dos populares no Concello de Lugo, que repasou ao longo da súa comparecencia ante os medios os asuntos abordados polo seu grupo nas reunións mantidas ao longo dos últimos meses tanto co comité de empresa como coa xunta de persoal do Concello, acusou ao Goberno local de “suspender” na “materia de recursos humanos”.

DESVÍO DE FONDOS

Candia, que censurou durante a súa intervención, a “inacción absoluta” do executivo liderado por Paula Alvarellos á hora de dar resposta ás demandas dos traballadores, acusou ao Goberno local de desviar fondos reservados á partida de persoal. “Podemos afirmar e documentar que no ano 2023 o Goberno local derivou máis de 1.200.000 euros da partida destinada aos traballadores, desviou fondos de persoal, a outras áreas“, asegurou, antes de indicar que algúns dos mencionados fondos foron dirixidos, entre outros asuntos, a “pagar gastos de subministración” e “gastos da alcaldesa”, “pouco transparentes”, dixo, e de “dubidosa necesidade”.

“A responsable de todo isto é a persoa que en 2019 liderou un acordo entre Goberno e sindicatos selando a paz a e asumindo uns compromisos que non cumpriu”, proseguiu a portavoz do Grupo Municipal do PP, en alusión á rexedora Paula Alvarellos, a quen afeou a súa “pésima xestión” e á que acusou de “falta de sensibilidade” cos traballadores.

SENTENZAS

Tamén se referiu Elena Candia na rolda de prensa convocada este venres, para ilustrar a, ao seu xuízo, “mala xestión” do Goberno en materia de recursos humanos, á sentenza que obrigou no seu día a readmitir á xefa de persoal do Concello ao entender o Tribunal Superior que o seu despedimento se baseou en “valoracións eminentemente subxectivas” e actuando cunha “enorme arbitrariedade”.

Un caso similar, argumentou a portavoz popular, ao coñecido este venres co fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerando nula a cobertura da praza de xefa de Arquitectura do Concello pola exclusión dunha candidata por traballar como funcionaria “a tempo parcial”.

O Concello, en materia de persoal, ou non fai nada, ou cando o fai, faino para impedir que a xente traballe. Por conseguinte esa xente acode aos tribunais e o Concello perde de maneira clara e ademais cara porque acaban sendo condenados en costas e as súas decisións sendo pagas polas arcas municipais”, sintetizou Candia en relación a ambas as sentenzas.

“Desde o PP pedimos a Paula Alvarellos que recoñeza o seu erro, asuma a responsabilidade que lle corresponde e dea a cara por ser a persoa responsable destas dúas áreas no seu momento e hoxe de todo o Concello”, finalizou Candia, para pechar a súa intervención reclamando tamén responsabilidades ao socio de goberno do PSOE no Concello lucense, un BNG ao que cualificou como “cooperador imprescindible e necesario” en todo o sucedido.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...