InicioLugo e contornaLugoLara Méndez: "Elena Candia propón cousas que son ilegais ou xa se...

Lara Méndez: “Elena Candia propón cousas que son ilegais ou xa se fixeron ou son competencias doutras administracións”

A alcaldesa de Lugo sabe que estas eleccións son difíciles. Difíciles porque entende que hai unha campaña do PPdeG para enlamar a vida política lucense.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Por iso é moi dura con Elena Candia, a candidata popular na cidade, á que acusa de utilizar “todo tipo de estratexias” para facerse co poder. Defende o traballo feito estes anos no Concello e suliña que Lugo xa é un referente de cidade verde e humanizada. Non descarta falar co BNG e mesmo con Cs se é preciso para seguir gobernando logo do 28M e critica duramente a Feijóo e ao PP por levar 15 anos na Xunta e non inaugurar nada na cidade. “Ver a José Ramón na primeira liña política é unha satisfacción e unha garantía”, di de quen foi o secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo.

Como vai a campaña?

Con moitas ganas, moito traballo e tamén, moita ilusión e coa gran responsabilidade de seguir deseñando o Lugo do futuro.

Preguntocho porque, a min, que me gustan moito as campañas e levo seguidas moitas, vexo que esta, a de Lugo, en particular, está moi tensa…

Pero iso depende de quen queira tensar e quentar unha campaña. Non é a miña primeira campaña. Xa fixen no 2015, no 2019 e agor ano 2023 e, en función dos candidatos, pois é certo que, ás veces, se tensan máis as campañas pero, neste caso, é de xeito intencionado por parte dunha candidata de querer tensionar co obxectivo de buscar rédito político

 que non é quen de acadalo a través de propostas e programas.

Falas de Elena Candia, supoño. Que che parece esta candidata?

Pois xa a coñezo a Elena Candia da época dos plenos na Deputación de Lugo onde coincidimos unha tempada. E alí foi onde coñecín a súa praxe e forma de facer política que agora xa coñece toda a cidadanía logo de mandar un anónimo á Fiscalía que quedou en nada. Esa é a forma que ten de tentar desacreditar e quitar do medio a adversarios políticos, pero vese que non lle funciona.

E ti cres, realmente, que iso vaille pasar factura?. Eu non o teño moi claro…

Supoño que agora moita xente sabe como actúa. Non me corresponde a min dicir se iso a xente o vai penalizar ou non. En todo caso eu estou facendo unha campaña en positivo., con proxectos que xa se desenvolveron que son garantía de cumprimento coa cidadanía. E logo tamén dos proxectos que teño para o futuro.

Falando de proxectos. Que proxectos destacas nestes catro anos?

Pois son moitos proxectos.O feito de ter uns orzamentos consolidados axudou a levalos a cabo e tamén para a captación de fondos europeos. Estamos traballando nesa cidade resilente, nesa cidade verde e nesa cidade para as persoas. Tamén seguimos poñer en valor o noso patrimonio cultural, que é moito, e facendo unha cidade para as persoas, humanizada, con numerosas accións sociais. Tamén que haxa un crecemento urbanístico controlado da man desa cidade verde e cun elemento como é a madeira. Aí está a peonalización do casco histórico, as sendas verdes, tentar crear unha zona de baño no Miño que nos paralizou a Xunta. E logo tamén están os proxectos económicos, como o Lugo Transforma para captar investimentos de fora, as axudas ás empresas e tamén á innovación, novas tecnoloxías e ás pemes. Son moitos os proxectos pero todos na mesma clave, unha cidade acolledora na que nos apeteza vivir.

Falando de humanizar e crear unha cidade verde. Houbo moitas protestas pola peonalización da cidade. Cres que a xente xa é consciente da importancia desta humanización?

Eu penso que si. Xa levamos tempo. Empezamos coa zona do casco histórico, pero logo eu xa levei isto aos distintos barrios no pasado mandato.É certo que hai algunhas actuacións que teñen máis contestación social pero iso non quita que temos que ter altura de miras. Ás veces pecamos de cortoplacistas pero agora, logo de oitos anos, xa se ven eses froitos dunha cidade máis humana e máis sostible. E logo da pandemia, pois valorase moito máis este tipo de cidade e tamén están eses recoñecementos internacionais a ese modelo de cidade.

“É certo que hai certo rexeitamento a certas propostas ata que se interiorizan como é o da peonalización ou espazos para a mobilidade urbana”

E que me podes dicir da mobilidade urbana porque hai moita xente que, valorando moito esa humanización e esas sendas verdes, se queixa que en Lugo faltan espazos para bicicletas e monopatíns…

É certo. Cando comentabas de que había contestación social, este tipo de actuacións son algunhas delas porque ata que non se interioriza, hai certo rexeitamento. Isto xa pasou a finais dos 90 cando se comezaron coas peonalizacións no centro da cidade. Por iso é importante ter altura de miras e deseñar unha cidade para os nosos pequenos, para cando sexan eles os encargados de levar esta cidade, teñan un legado mellor do que nós tivemos. Por iso estamos nesa clave de ter máis sendas verdes e máis lugares nos que pasear e camiñar.

Outra das cuestións das que estás presumindo ultimamente é de ter a presidencia da Eixo Atlántico e ser capital cultural dese espazo…

Si, é algo que levamos reivindicando desde hai moitos anos tanto no eido deportivo, como cultural. E isto permítenos ter unha proxección internacional non só na eurorrexión senón en outros territorios. Tamén no ámbito patrimonial como ese proxecto que temos da ruta romana da Gallaecia seguindo o éxito que teñen os camiños de Santiago. O obxectivo é ser tamén un destino cultural e turístico interesante e para iso queda por traballar moito. 

Para iso é fundamental ter boas infraestruturas tamén…

Efectivamente. E poño exemplos, cando eu cheguei a intermodal estaba nun caixón e hoxe coa interlocución co Goberno central pois xa comezou a avanzar. E aí está o feito de que puidendo ter a primeira estación intermodal, pois sexa a última. E tamén está o tema do tren, que se recuperou co Goberno de Sánchez.

Con todo, Lugo quedou sempre fóra dos grandes trazados ferroviarios dos gobernos do Partido Popular e do Partido Socialista…

Certo, e para min é unha prioridade independentemente de quen goberne. Pero tamén é certo que durante os gobernos do PP, desde 2011 a 2019 non se fixo ningún investimento, nin en estruturas viarias, nin en estruturas ferroviarias. Levamos un atraso importantisimo. E é unha loita na que levo anos traballando. E agora vexo que moitos partidos se suman a isto e, benvidos sexan, pero se estiveran antes, cando eu estaba soa con isto, moito mellor nos iría. Agora temos un convenio da intermodal para impulsar non só as estruturas viarias, senón tamén urbanísticas, no barrio. E esa receptividade non a tivemos por parte da Xunta que se negou a financiar proxectos, como é a parte de autobuses que é da súa competencia. Agora temos un investimento de 560 millóns, que son poucos, si, que precisamos máis, si, pero xa axuda a facer os proxectos pendentes. De feito, o propio Consello de Contas xa criticou a falta de investimentos por parte da Xunta en Lugo.

Entón dis que a Xunta bloquea proxectos intencionadamente en Lugo?

Aos feitos me remito. Aí hai unha chea de proxectos bloqueados. A ronda leste, 15 anos parada, desde que entrou o PP. Tamén o cuartel de San Fernando ou cuestións de vivenda, que son de competencia autonómica e nestes anos non houbo ningunha vivenda pública executada. Ou residencias públicas. E que vese perfectamente que aqueles proxectos que dependen da Xunta non só non os fan, senón que intentan paralizalos, torpedealos, como é o espazo de baño público. 

Con todo, a candidata do PPdeG, Elena Candia, di todo o contrario. Que a Xunta é a que fai en Lugo e o Goberno central o que paraliza…

Iso cae polo seu propio peso porque Núñez Feijóo estivo 15 anos como presidente da Xunta e neses 15 anos non fixo nin unha soa inauguración en Lugo. O único que fixo, e sobre todo, nos últimos anos, foi ese centro integral de saúde, e iso porque houbo antes unha contestación social brutal. Ou a Rolda Leste que leve anos agardando e sae Elena Candia dicindo que iso non é importante. Ou tamén patrimonio, que é competencia autonómica, e aí está o pazo de dona Urraca, que é competencia da Xunta, completamente abandonado. Dicir iso é ter un gran descoñecemento da cidade.

Pero, a pesar do que dis ti, hai enquisas que lle dan a maioría absoluta na cidade. Que opinas diso?

A enquisa imos vela o 28 de maio 

Ousexa, que ti cres que eses resultados de inquéritos non son certos?

A enquisa verdadeira será o 28 e eu sigo traballando para ter un amplo respaldo electoral que nos permita seguir gobernando e crecendo.

Agora mesmo ti estás gobernando en coalición. Supoño que non haberá problema en repetir esta coalición chegado o caso, non?

Eu cando me presento é para ter o máximo respaldo social. A correlación de forzas veremola o vindeiro día 28 e en función diso, como fixen hai catro anos e tamén tentei hai oito anos, pois seguirei tendendo a man para traballar por e para Lugo.

A todos os partidos que non sexan o PP, entendo?

Si. Aínda que eu, non primeiro mandato, tiña pechado un acordo orzamentario co entón líder do PPdeG que entón non lle deixaron asinar. E ao pouco tempo marchou do concello.

Entón entendo que se Ciudadanos, con Olga Louzao, entra no concello e é preciso para gobernar, tamén se falarás con ela…

Claro. Falarase con eles. Se comparten proxecto de cidade, con ese Lugo sostible, humano e verde, por suposto.

Falando de pactos, que tal estes catro anos co BNG, con Rubén, como socio de Goberno?

Pois ben. E hai unha diferencia substancial con respecto ao primeiro mandato que é ter orzamentos aprobados. E iso permitiu mobilizar máis de 44 millóns de euros con distintos fondos europeos, que non é unha cifra menor. E isto é porque hai un traballo detrás. E tamén outros proxectos coa deputación e Goberno central. Pero non temos esa mesma relación nin xenerosidade coa Xunta. E aí está Elena Candia facendo propostas que xa eu propuxen antes como é o caso da rolda leste.

Ousexa, que dis que non ten proxectos ou copia os teus?

Pois non sei. Porque propón cousas que son ilegais ou xa están feitas ou xa se fixeron ou son competencias doutras administracións, como as rebaixas no IVI, ou centros de saúde mental, que é competencia da Xunta. Son propostas que asustan e algunhas delas, ilegais. Outras xa as estamos nós facendo. 

E a fichaxe de Miguel Couto –ex concelleiro de Urbanismo de Lara Méndez– tamé é ilegal?

Cada un ten a capacidade de decidir o que quere facer. Eu non entro en cuestións personais pero chama a atención que unha persoa que, cando marchou, dixo que se vía incapaz de asumir as súas responsabilidades en Urbanismo, e agora diga que a oferta de Elena Candia é un reto persoal e que o queira nomear como xerente de Vislusa, cando hai un procedemento público que seguir e cando non ten o perfil para ocupar ese posto. Isto demostra que Elena Candia quere implantar as malas praxes que xa ten demostrado como meter a alguén nun posto público porque o di ela. Iso demostra que ten un descoñecemento brutal dunha administración que quere gobernar.

Entón erraches ti elixindo a Couto para esa área?

Nese momento non. Era un militante. Tiña gañas de participar nese proxecto de transformar a cidade e así mo trasladou. Foi unha decisión que co tempo non foi a mellor aínda que a min en todo momento me falou de proxecto de cidade, non de proxecto individual ou persoal. 

Con todo non cres que o que pasou con Miguel Couto, tamén con outra peza importante no concello como era Álvaro Santos, por cuestións persoais, non afectou a ese proxecto de cidade que tiñas?

Non, porque a pesar da pandemia, que foi un tempo excepcional no que houbo que adicar moitos recursos e fondos, nos impediu seguir adiante co noso proxecto. En algún caso, se puideon ver ralentizados pero ao final, por riba dos concelleiros está a alcaldesa, que é a que deseña, coordina e dá directrices. E aí están proxectos como o derrube do Garañón ou desenquistar a ‘esquina’ de San Roque. E neste mandato pasaron por Urbanismo tres concelleiros; Miguel Couto, Paula Alvarellos e Álvaro Santos e, a pesar de todo, se foron sacando. 

E neste proxecto de cidade que tes supoño que será importante a volta de José Ramón Besteiro á primeira liña política, non?

Todo o mudo sabe agora porque Jose Ramón tivo que deixar a primeira liña política. Foi porque houbo unha persecución do PP contra a súa persoa, como tamén foi contra Orozco, contra Paco Rodríguez — candidato do PSdeG en Ourense– ou contra min mesma. Pero non só se fixo dano a un grupo importante de persoas, senón tamén á propia cidade de Lugo. Por iso ver a José Ramón na primeira liña política é unha satisfacción e unha garantía. É unha persoa comprometida que sempre vai buscar o mellor para as persoas. E vai ser a voz de Galicia en Madrid, ou a voz de Madrid en Galicia para impulsar os proxectos en Galicia. Por iso é unha satisfacción. Por iso me pregunto se a señora Candia vai seguir as mesmas prácticas na oposición en Lugo que tivo con persoas coma Besteiro 

Xa Valentín –González Formoso– dixo que era un bo candidato á Xunta. Ti tamén pensas o mesmo?

No PSdeG temos moi bos candidatos pero primeiro teñen que ter a vontade para dar ese paso. Hoxe creo que temos moitos homes e mulleres que poden dar ese paso e cando chegue ese momento pois serán os militantes, como sempre, os que decidan.

E cres que ter a Pedro Sánchez no Goberno central pode axudar a ter uns bos resultados nas locais?

Estes comicios son diferentes. Non teñen nada que ver cos xerais pero está claro que Pedro Sánchez está facendo unha gran labor no Goberno, primeiro xestionando a pandemia, logo a crise deribada dunha guerra e agora dunha crise enerxética e de suministro. E faise un gran traballo sen deixar ninguén atrás.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...