InicioPolíticaOs alcaldes do PP protestan diante da Deputación polo "abandono" de estradas...

Os alcaldes do PP protestan diante da Deputación polo “abandono” de estradas provinciais

Piden a dimisión de José Tomé como delegado de Vías e Obras, ademais de cualificalo como "presidente chafalleiro" e acusalo de "xestión caciquil baseada en cores políticas".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os 32 alcaldes do Partido Popular na provincia de Lugo concentráronse este xoves diante da sede da Deputación para protestar “polo estado lamentable e de abandono” das estradas provinciais.

Xunto a eles participou tamén a presidenta dos populares lucenses, Elena Candia; o portavoz adxunto no Senado, José Manuel Barreiro; e o parlamentario autonómico José Manuel Balseiro, entre outros cargos públicos.

Todos eles con máscaras e cascos azuis e vermellos, cores da Deputación de Lugo, participaron nesta concentración onde o rexedor de Friol, José Ángel Santos, exerceu como portavoz de todos eles. Segundo manifestou, o presidente da Deputación e responsable de vías e obras, José Tomé, é “coñecido” como “o presidente chafalleiro, sendo o máximo responsable da situación actual das vías de comunicación en toda a provincia”.

“Desde o Partido Popular demandamos un plan de mellora do firme das estradas, un plan coordinado e baseado en criterios obxectivos, técnicos e de necesidade, para cubrir e pór a disposición dos recursos que se contan no parque móbil da Deputación. E non só nos municipios onde goberna a mesma cor política, senón a disposición de toda a provincia e de todos os concellos lucenses”, reivindicou Santos.

Mentres, o portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, denunciou “unha mala xestión de vías e obras”, xestión que tamén tachou de “caciquil”, por “estar dirixida por cores políticas e non por necesidades”, insistiu. “Non entendemos o mal trato e sobre todo as faltas de respecto que se lles dá a moitos dos alcaldes (que representan a máis de 100.000 habitantes na provincia de Lugo) que están aquí protestando coa mesma idea, que non é outra que defender aos seus veciños”, subliñou.

“CAMBIO DE ACTITUDE”

Castiñeira esixiu “un cambio de actitude do goberno e iso non pasa porque José Tomé siga sendo o delegado de vías e obras“. “E sobre todo queremos un trato igualitario e pedimos un plan de estradas como se fixo no ano 2017 e 2019”, demandou. “Pedímoslle respecto aos alcaldes”, sentenciou Castiñeira, que lle requiriu a Tomé que “dimita” como responsable de vías e obras.

“MALA XESTIÓN”

Á súa vez, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, á cabeza desta concentración, sinalou que esta protesta obedece á necesidade de “escenificar” o seu “rexeitamento” ao que entenden “que é unha mala xestión dun presidente da Deputación e desde logo un pésimo delegado de vías e obras”.

“Denunciamos o abandono das estradas provinciais”, concluíu Candia, que xunto cos alcaldes fixeron soar os seus cascos contra o chan na Praza de San Marcos ante o asombro de moitos viandantes que se toparon con esta manifestación.

ÚLTIMAS

A Fiscalía pide 13 anos de prisión por agresión sexual a unha menor

A Fiscalía de Lugo pide 13 anos de cárcere para un home acusado dun...

A Audiencia de Lugo xulgará unha muller por suposta estafa a través de SMS en Vilalba

A Audiencia Provincial de Lugo xulgará o vindeiro martes a unha muller para a...

Identificado un grupo de motoristas por circular a gran velocidade por Lugo, un deles a 160 km/h nunha zona de 70

A Garda Civil de Lugo identificou a varios motoristas que circulaban superando "amplamente" os límites de...

A Fundación Reina Sofía realizará unha restauración forestal na Serra do Courel, afectada polos incendios de 2022

A Fundación Reina Sofía anunciou que realizará, en colaboración coa Xunta e a dirección...