A Secretaria Provincial do PSOE de Lugo valorou que “por fin se fixo xustiza” co arquivo do caso O Garañón, que investigaba unha suposta trama de corrupción urbanística co exlíder do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro e o exalcalde da cidade amurallada Xosé López Orozco como investigados.
Así, o PSOE da provincia de Lugo manda “un abrazo moi afectuoso” a Besteiro e Orozco, que “fixeron un espléndido traballo no Concello”. “Sempre tiveron o noso recoñecemento e, tras anos de inxustas acusacións, por fin a súa imaxe quedou reparada“, valora. “Sodes un orgullo para todos os socialistas”, agrega.
Considera que o arquivo demostra que as denuncias “eran completamente infundadas e pon ao descuberto a quen durante estes anos tratou de sacar rédito político, cuestionando a xestión do socialismo no Concello, e no nome das persoas inxustamente implicadas”.
“O arquivo é unha enorme satisfacción para todos os socialistas de Galicia, pero aínda é máis especial se cabe para todos os socialistas da provincia de Lugo”, sinala nun comunicado. Por iso, o PSOE lucense chama a “reflexionar” tras “varios anos de acusacións infundadas, do dano político e profesional inflixido a dous servidores públicos impecables”.