Vox Lugo súmase á ‘Caravana por España e a súa liberdade‘ nas rúas da cidade o vindeiro sábado 23 de maio ás 12:00 horas, unha mobilización que foi autorizada pola Delegación do Goberno nas catro provincias galegas.
Os simpatizantes do partido de Santiago Abascal partirán nos seus coches dende Garabolos cara á Rolda da Muralla pola Avenida da Coruña. Fan un chamamento a todos aqueles que queiran manifestarse en contra do que denominan “estado de abuso” por parte do “Goberno do paro e da miseria, que coartou as liberdades e dereitos ao pobo español”, segundo indica a formación de extrema dereita nun comunicado.
Os manifestantes non poderán baixar dos seus vehículos para así garantir o respecto das medidas de seguridade. Ademais, en cada coche deberán seguirse as indicacións sanitarias pertinentes en función de se os ocupantes viven no mesmo domicilio ou non.
Antes do día da mobilización, o partido alenta a protestar dende os balcóns coas xa famosas cazolas que sacaron á rúa no barrio de Salamanca (Madrid) a pesar do estado de alarma.