A sesión ordinaria convocada para este mércores 26 de febreiro no Pazo de San Marcos arrincou cun breve ‘tira e afrouxa‘ entre o presidente da Deputación, José Tomé, e a popular Elena Candia a fío das protestas do comité de Alcoa-San Cibrao. Decenas de traballadores irromperon no edificio, onde foran recibidos polo propio Tomé, mais abandonaron a sala trala intervención do persoal de seguridade.
No salón de plenos, José Tomé daba comezo á sesión media hora máis tarde do previsto por mor dos pitidos e consignas proferidas por traballadores de Alcoa, que se desprazaran á cidade para unha manifestación que rematou diante da Deputación. “Apoiamos as reivindicacións dos traballadores de Alcoa, pero pedimos que nos permitan desenvolver o pleno con normalidade”, sostivo o presidente.
A presidenta do PP provincial, Elena Candia, interrompeu daquela a Tomé para trasladarlle unha petición sobre ese mesmo tema. “Tendo en conta que na orde do día hai un asunto que afecta a estas persoas que se desprazaron á capitalidade, prego que convide o comité a que asista á sesión plenaria e que se invirta a orde do día”, dixo.
Malia que o presidente socialista afirmou comprender as protestas dos traballadores, non se parou demasiado neste punto. “Entendo que os plenos son públicos, pode asistir calquera, tamén os comités de empresa. Sen pancartas e sen ruído poden estar. Doutra maneira non, como é normal”, chantou, para engadir que non había razón para alterar a orde do día. A contestación non foi recibida con agrado por parte de Elena Candia: “Desentende a nosa petición entón?”, repetiu en varias ocasións, con ton serio e case desafiante.
ALCALDE DE CASTROVERDE
A pesar de que a sesión continuou sen facer máis alusión a ese tema ata chegar o momento de tratalo explicitamente —nunha moción do PP—, o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, retomou a leve polémica un anaco máis tarde. Durante a súa intervención acerca do plan de melloras de camiños, o socialista parabenizou a José Tomé pola súa “templanza” á hora de responder a Elena Candia e deixou caer certa dose de crítica respecto de “aqueles que se poñen detrás dunha pancarta por primeira vez”. “Outros estamos sempre”, asegurou.