InicioPolíticaO pleno da Deputación arrinca cun breve desencontro a fío do comité...

O pleno da Deputación arrinca cun breve desencontro a fío do comité de Alcoa, que levou as súas protestas á sala

Os traballadores da fábrica de San Cibrao desprazáronse ata Lugo para pedir nunha manifestación o abaratamento da electricidade. As súas protestas tamén se fixeron oír na grada do salón de plenos e provocaron un 'tira e afrouxa' entre José Tomé e Elena Candia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sesión ordinaria convocada para este mércores 26 de febreiro no Pazo de San Marcos arrincou cun breve ‘tira e afrouxa entre o presidente da Deputación, José Tomé, e a popular Elena Candia a fío das protestas do comité de Alcoa-San Cibrao. Decenas de traballadores irromperon no edificio, onde foran recibidos polo propio Tomé, mais abandonaron a sala trala intervención do persoal de seguridade.

No salón de plenos, José Tomé daba comezo á sesión media hora máis tarde do previsto por mor dos pitidos e consignas proferidas por traballadores de Alcoa, que se desprazaran á cidade para unha manifestación que rematou diante da Deputación. “Apoiamos as reivindicacións dos traballadores de Alcoa, pero pedimos que nos permitan desenvolver o pleno con normalidade”, sostivo o presidente.

A presidenta do PP provincial, Elena Candia, interrompeu daquela a Tomé para trasladarlle unha petición sobre ese mesmo tema. “Tendo en conta que na orde do día hai un asunto que afecta a estas persoas que se desprazaron á capitalidade, prego que convide o comité a que asista á sesión plenaria e que se invirta a orde do día”, dixo.

Malia que o presidente socialista afirmou comprender as protestas dos traballadores, non se parou demasiado neste punto. “Entendo que os plenos son públicos, pode asistir calquera, tamén os comités de empresa. Sen pancartas e sen ruído poden estar. Doutra maneira non, como é normal”, chantou, para engadir que non había razón para alterar a orde do día. A contestación non foi recibida con agrado por parte de Elena Candia: “Desentende a nosa petición entón?”, repetiu en varias ocasións, con ton serio e case desafiante.

ALCALDE DE CASTROVERDE

A pesar de que a sesión continuou sen facer máis alusión a ese tema ata chegar o momento de tratalo explicitamente —nunha moción do PP—, o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, retomou a leve polémica un anaco máis tarde. Durante a súa intervención acerca do plan de melloras de camiños, o socialista parabenizou a José Tomé pola súa “templanza” á hora de responder a Elena Candia e deixou caer certa dose de crítica respecto de “aqueles que se poñen detrás dunha pancarta por primeira vez”. “Outros estamos sempre”, asegurou.

 

+ posts

ÚLTIMAS

Récord histórico de matrícula no curso 2025-2026 na UNED de Lugo

O centro asociado da UNED en Lugo pechou o segundo prazo de matrícula do...

O PP aproba no Senado unha iniciativa para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas

O PP fixo uso da súa maioría absoluta no Senado para aprobar unha iniciativa...

Consideran “consistente” a declaración dunha das nenas que denunciaron un profesor por presunta agresión sexual

O xuízo contra o profesor de música de Albeiros acusado de agresión sexual a...

O PSOE de Baralla denuncia a falta de médicos no centro de saúde e a inacción do PP

O PSdeG de Baralla denuncia novamente a grave situación sanitaria que sofre o municipio...