Hai uns anos, no meu 18º aniversario, a familia preparoume unha cea sorpresa. Eu xa estaba de volta e media, pero fixen coma quen non sabía nada por aquilo de non lles quitar a ilusión. A min tamén ma facía. Prometido! Comemos coma pepes aquel día. Chegado o momento da sobremesa, algúns dos que me acompañaban comezaron a entoar un ‘Parabéns para ti’ atropelado, coma sempre. E, tamén coma sempre, eu púxenme colorada. Pero de rir. A tarta que pousaran na mesa traía gravado o meu nome e resulta que, sen ter eu constancia de tal, chamábame Angelines. ‘Felices 18, Angelines’.
Se furgo nas lembranzas en busca de anécdotas estrañas relacionadas cos meus aniversarios, esa é unha das primeiras que aparece. A historia do erro na pastelería non é moita cousa, pero eu que sei… Mellor iso ca ser das que cumpre anos en marzo ou abril.
APERTAS POR VIDEOCHAMADA
Aos Piscis tardíos e aos Aries non se lles vai esquecer o aniversario deste 2020 no que se ven obrigados a soprar as candeas confinados nas súas casas. Moitos sen ningún amigo ou familiar a carón. Cantas veces soaría o ‘Cumpleaños feliz’ por videochamada nestes días raros? Vernos as caras a través das pantallas é o máis parecido que temos a aquelas apertas e tiróns de orellas que se estilaban antes da tempada de primavera.
Agora a moda é que os axentes da Garda Civil ou da Policía acudan ás casas dos nenos que se fan maiores para darlles os parabéns e un pequeno agasallo. Eu non é por ser enfexa, pero non sei se a min me había facer moita graza o asunto. Tamén é certo que o corazón abranda logo de ver unhas cantas imaxes de cativos con caras cheas de ilusión.
O DESEXO QUE TODAS TEMOS EN MENTE
A corentena empúrranos a pospoñer celebracións, a aprazar bicos e a idear outras formas de sacarlle un sorriso a esa persoa que suma un ano máis de vida. Ao final, a mellor felicitación é esa que che manda o afillado nun vídeo no que preme as teclas do piano amodiño para que soe a melodía do ‘Parabéns para ti’ máis doce do mundo.
E a ti, que se cadra non vives a tantos quilómetros do pequeno, senón só a uns metros máis abaixo na mesma aldea, xa che queceu a alma. E, claro, só queda soprar as candeas da tarta de chocolate con galleta, pechar os ollos e pedir un desexo. Non vale dicilo en alto, pero agora que máis dá. Todas queremos o mesmo. Que isto acabe axiña.
[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]