A memoria dos Ancares fraquea cando tenta recuperar información sobre a desaparecida Feira do 12 de Becerreá, pero é poderosa dabondo como para non deixar esmorecer un fito así. A asociación Rente ao Couce propúxose traer de volta este evento en forma de mercado de proximidade. Será o vindeiro día 12 de decembro na Praza do Concello.
Alí hanse xuntar preto dunha vintena de labregos e labregas da comarca, ademais dalgún ferreiro e algún carpinteiro. Dende Rente ao Couce querían “poñer en valor o traballo da xente do sector primario agora que esta crise está petando tan forte a nivel dos proxectos locais”. Cóntanolo María Osorio, integrante da asociación, que indica que participarán sobre todo persoas de Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá ou Triacastela.
UNHA HISTORIA IMPRECISA
Fixeron que este mercado cadrara o día 12 para ir tirando do fío desa memoria que cede ao tempo. Sábese que esa feira do 12 era mensual, igual ca as do día 3 e o 19, estas últimas aínda existentes hoxe en día. Pero non hai moita máis información ao respecto, segundo di María. Uns din que se celebraba no Cereixal, outros desménteno; hai quen pensa que era unha feira de gando e queixo, outros non acertan a sabelo…
“Por información publicada nos xornais da época, sabemos que a Feira do 12 existiu dende o 1860, polo menos“, explica agora Xabier Moure, historiador e presidente de Patrimonio dos Ancares. Parece ser que tamén hai algunha referencia á celebración de dita feira o día no que se inaugurou a igrexa de San Xoán de Becerreá, no 1925. Mesmo se pode intuír —”aínda que é moi complicado sabelo”— que o 12 de xullo do 36, días antes do golpe de estado de Franco, Becerreá estaba de feira. “Hai indicios de que houbo movida, debían cheirar tambores de guerra”, engade Moure. Se cadra aquel foi o último 12. Ata agora, claro.
O FOUCÍN DE HONRA
Xustamente Xabier Moure será o encargado de dar unha charla sobre a importancia das feiras na comarca o vindeiro 12 de decembro. Para tal ocasión tampouco faltará a música, da man de Davide Salvado e Andrea Puchi.
Ademais, a asociación Rente ao Couce fará entrega do Foucín de Honra, un recoñecemento que o ano pasado recaeu na figura de Alfonso Becerra polo seu labor asociativo na bisbarra. Desta volta aínda non se coñece o nome da persoa que recibirá o galardón: “só podemos dicir que é unha rapaza nova e orgullosa do rural”.
E con esa intención de reunir unha morea de proxectos locais, Rente ao Couce deixa aberta a opción de continuidade deste evento. “Nos Ancares hai un potencial moi grande, pero moi disperso. Se nos xuntamos, seguro que sae algo bo“. Téñeno claro. Cantos máis para tirar do fío da memoria, mellor.