InicioMovementos sociaisRosario Regueira, escritora: "Nun sistema tan opresivo para a muller, ser monxa...

Rosario Regueira, escritora: “Nun sistema tan opresivo para a muller, ser monxa era unha opción cómoda”

A autora de Taboada publicou 'Compañeira, non serva', unha novela sobre a violencia de xénero no rural. "Se esas mulleres fosen vítimas dunha organización terrorista, estariamos subidos á cúspide da lúa", di. O papel da Igrexa -da que non quere saber nada- , os dereitos LGTBI ou o auxe da extrema dereita foron outras cuestións sobre as que se pronunciou

PUBLICADA O

- Advertisement -

A conversa con María Rosario Regueira Cereijo (Taboada, 1959) comezou cun café polo medio. O boureo do lugar non convidaba a reflexións lentas e profundas, pero esta escritora xa traía canda si a calma e a disposición para abordar unha das cuestións esenciais dos nosos tempos: o feminismo como resorte da revolución. “Non o entendo doutra maneira”, dicía Rosario Regueira.

Ela é a autora de ‘Compañeira, non serva’ (Editorial Toxosoutos, 2019), unha novela que afonda precisamente nas consecuencias do sistema patriarcal, “a base” sobre a que medra a mala herba do machismo. É unha historia de violencia de xénero no rural que, sen entender o porqué, parece que espantou a boa parte da poboación masculina . “Igual é polo título”, reflexiona. Falamos destes e outros asuntos con Rosario Regueira. Enredamos durante un anaco grande, mais, como deixou escrito, “empeza a vida, pero segue a loita”. Non se pode escatimar en tempo nin en esforzos.


LX: Tes dito que escribes sobre o que observas arredor de ti, que non sabes inventar. Xa que o libro xira arredor do machismo, entendo que é así como ves o mundo. En que aspectos sociais se reflicte esa realidade?

R: Absolutamente en todos: na discriminación salarial, laboral, social… Se as vítimas de violencia de xénero deste ano fosen asasinadas por unha organización terrorista, estariamos subidos á cúspide da lúa. Pero, claro, somos mulleres…  

Nunha entrevista de traballo, un home preguntoume se tiña fillos. Contesteille: “Eu si. E vostede?” Nunca escoitei o caso dun varón ao que lle preguntaran tal. Tamén hai discriminación por profesións. Reflícteo a linguaxe: “vou ao médico”, pero “a ver se pido cita coa enfermeira”. No sector dos coidados, por exemplo, a maioría son mulleres e iso repercute a todos os niveis. As xornadas delas son parciais porque teñen que atender na casa; o traballo é secundario porque se entende que é unha fonte de ingresos complementaria… Á hora de xubilarse, ela nunca vai ter a mesma pensión ca o home.

LX: Tense dito que a sociedade galega é unha matria. Está xa superado ese mito?

R: Iso parece moi bonito, pero non é así. En Galicia nunca houbo un matriarcado. Pode ser que haxa unha sociedade matrilineal, porque as mulleres podían herdar—cousa que noutras partes do Estado non—. Aínda así, iso era porque os homes migraban. Tense comentado tamén que había unha gran liberalidade sexual. As mulleres solteiras non se lapidaban na praza pública, non, pero quedaban na casa como a tía solteira que se convertía na mula de carga de toda a familia.

LX: Todos estes aspectos machistas dos que falabamos cobran maior volume no medio rural. A ausencia de anonimato multiplica o estigma social asociado á violencia de xénero. A muller rural está máis desprotexida neste sentido?

R: A día de hoxe, o rural ten deficiencias que se multiplican de cara ás mulleres. Non só é ese estigma, ese ‘estar caladas e aguantar’ ; o illamento rural tamén dificulta o acceso a calquera axuda. Hai uns anos, en Becerreá, unha rapaza tiña unha cita co Centro da Muller de Lugo. Xusto o día antes, o home matouna cunha escopeta. Se esa rapaza vivira nunha cidade no canto dunha aldea, igual estaba viva. Xa sei que o que digo é moi forte. Pero no rural case calquera desprazamento é de dominio público. O maltratador tamén se vai enterar e, polo tanto, vai actuar antes.

“Sen a sororidade é moi difícil sobrevivir”

LX: Son suficientes os recursos económicos que se destinan para loitar contra esta problemática?

R: Non hai recursos económicos nin de infraestruturas. Nunca son suficientes. Tampouco a educación o é, porque se segue a reproducir o rol. Unha filla de maltratada, no 90% dos casos, vai ser maltratada. Non pasa así co fillo.

LX: Chama a atención iso que dis. Xeralmente o que se adoita temer é que un fillo de maltratador acabe reproducindo esas condutas. Ti comentas algo diferente. 

R:  As fillas das nais maltratadas son criadas no sentimento de ter que sufrir. As nais ensínanlle ás fillas o que elas aprenderon a golpe de paus. A única opción que vexo é o amparo das veciñas e das mulleres da familia. O que agora se coñece con esa palabra tan preciosísima que é ‘sororidade’. Sen iso é moi difícil sobrevivir. Os homes non son malos nin bos, son igual cás mulleres, pero eles teñen un sistema que os favorece. Deixar de ter privilexios é unha cuestión que hai que asumir persoalmente e decidir facelo.

Presentación da novela ‘Compañeira, non serva’, de Rosario Regueira | Facebook

LX: Xa que falamos da incidencia do machismo no rural, cómpre lembrar tamén unha esperanzadora nova do pasado 8-M: Unha parroquia do interior ourensán viviu a primeira manifestación feminista da súa historia. Que valor poden ter pequenos pasos coma este?

R: Ir acadando redutos de poder—e compartíndoos!— é fundamental. Disque isto é unha aldea global, pero o 8-M celébrase en Vigo, Santiago, A Coruña, etc. Case non chega ás cabeceiras comarcais nin ás vilas! Neses lugares tamén hai mulleres e, ademais, hai mulleres con conciencia. Incluso, ás veces, sen ter esa conciencia de ser mulleres fortes, vense nunha tesitura de estar exercendo como mulleres empoderadas. A revolución —o feminismo— non se pode facer a grandes niveis; hai que ir pouco a pouco. Se se consegue que unha muller tome conciencia da súa situación e que procure revertela, para min é suficiente.

LX: Malia esa desigualdade de oportunidades e información, falas de que no rural tamén hai mulleres con conciencia. Estamos enganadas ao pensar o contrario? É unha visión elitista?

R: Unha cousa é participar nas actividades públicas; aí pode que estean moito máis limitadas. Pero poño un exemplo: unha muller rural que sacou adiante a explotación gandeira ela soa, que coidou os vellos, criou os fillos, atendeu o marido… Esa muller ao mellor non o sabe, pero está empoderada, porque ela é capaz de vivir e sobrevivir por si mesma. A nada que nos descoidemos, esa muller pode dar o seguinte paso. Por non falar de loitas históricas en Galicia como a das Encrobas, a de Baldaio ou a de Xove! Foron elas as que encabezaron as protestas.

“A IGREXA FOI UN PIAR FUNDAMENTAL NA REPRESIÓN DA MULLER”

LX: No libro, a Igrexa ten un peso bastante importante. O título da novela —’Compañeira, non serva’— é unha frase literal que dicían os curas no casamento. Cal é a responsabilidade da Igrexa na evolución social da muller?

R: Eu é que lle teño moita manía aos curas [ri]. A Igrexa foi un piar fundamental na represión da muller e a raíña da hipocrisía. Controlaban a vida da muller a través das confesións, incluso o número de veces que realizaba o débito conxugal. No caso das mulleres maltratadas, que lles dicía o cura? “Isto é un val de lágrimas. Cada un ten o seu sufrimento. Deus recompensarate despois no reino dos ceos”. Eu non quero saber absolutamente nada da Igrexa. Porén, teño que dicir que ser monxa era unha moi boa opción en determinadas épocas. Era unha vida cómoda, relaxada, podías instruírte, convivir en paz sen ter ningún home que puidera agredirte. Eu mesma o teño pensado.

LX: Igual nun principio se pode pensar que as monxas viven nun ambiente de paz entre mulleres. Pero a realidade é que seguen sometidas a unha estrutura patriarcal moi estrita. Que vantaxes ves aí logo?

R: Evidentemente! Pero se as opcións son vivir sometida a ese sistema cun marido que che zoupa ou vivir desoutra maneira… Dentro dun sistema tan opresivo, pareceríame máis cómoda a opción de ser monxa ca a de ser a tía solteira.

LX: Tamén te tes manifestado acerca do colectivo LGTBI. As mulleres lesbianas sofren unha maior represión ca os homes gais?

R: A min paréceme que si. A aceptación dos gais é máis rápida. Ser lesbiana identifícase con ser marimacho e antisistema. Ademais, como o lesbianismo era máis fácil de encubrir, tamén se foi tapando esa realidade. Iso provocou que non se visibilizara tanto.

LX: Nos últimos tempos acadáronse importantes dereitos para o colectivo LGTBI e para as mulleres. Están en perigo de regresión ante o auxe da extrema dereita?

R: Espero que non. A extrema dereita existiu sempre; non podemos ser tan inxenuos de pensar que coa morte de Franco todos nos volvemos demócratas. Aínda así, é certo que se volven abrir debates: a lei do aborto, a de divorcio, a lexislación LGTBI; o matrimonio entre persoas e non entre sexos… Todo iso está xa superado e fóra de discusión. Non podemos entrar nese tipo de argumentos e, desde logo, non podemos dar ningún paso atrás.

LX: Volvamos de novo ao libro para pechar a entrevista. Que reaccións observaches no público?

R: Percibo que son as mulleres as que entenden que é un libro de interese. Os homes, en principio, son máis reacios a esta lectura. E non teñen por que! Non é un libro que agreda, que insulte ou menosprece. O protagonista é un maltratador, claro, porque hai maltratadores na sociedade, pero na novela tamén hai outros homes que son aliados. Aínda así, percibo que os homes teñen reticencia. Recibín comentarios acerca de que o meu “é un libro de mulleres”. É certo! Calquera libro que escriba é un libro de mulleres, porque o escribo como muller. Eu coñezo o noso mundo; non coñezo así o dos homes. Síntoo moito, non chego a máis [ máis risas ].

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...