A asociación ecoloxista ADEGA alerta dos graves impactos ambientais, patrimoniais e sobre a biodiversidade do proxecto do parque eólico Cordal de Ousá, actualmente en exposición pública e fase de alegacións. O proxecto, impulsado por Eólica de Cordales S.L, contempla a instalación de 5 aeroxeradores e unha liña de alta tensión de 30 km ao longo dos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
Segundo a documentación do propio proxecto, o parque eólico localízase practicamente na súa totalidade en zonas de exclusión eólica segundo o Mapa de Zonificación Ambiental para enerxías renovables do Ministerio para a Transición Ecolóxica. A poligonal do parque sitúase, ademais, na zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun territorio cunha elevada concentración de xacementos e vestixios arqueolóxicos, cuxo impacto non foi rigorosamente avaliado.
Un dos aspectos que máis preocupa do proxecto é a liña de evacuación eléctrica, cunha lonxitude de case 30 quilómetros, que atravesa algúns dos espazos naturais máis sensibles da Terra Chá. Esta liña cruza dúas veces a ZEC Parga–Ladra–Támoga, incluíndo as Ínsuas do Miño, sen que o Estudo de Impacto Ambiental avalíe alternativas de trazado nin de localización dos aeroxeneradores, como esixe a normativa ambiental vixente.
En concreto, os aeroxeradores localízanse nun punto de abastecemento de auga da poboación de Begonte, e nin muíños nin liña de evacuación gardan a distancia suficiente con respecto a vivendas e núcleos de poboación.
Ameaza directa á supervivencia do mazarico real
ADEGA denuncia tamén que a liña de evacuación afectaría directamente á zona delimitada para a reprodución do mazarico real (Numenius arquata), especie catalogada en Galicia como en perigo crítico de extinción. Un tramo do tendido sitúase lindante coa zona de seguridade do Aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei, onde se localiza na actualidade a única poboación reprodutora de mazarico real de toda a Península Ibérica. O trazado atravesa terreos do Monte Veciñal en Man Común Granda da Abilleira e Salgueiros, na parroquia de Duarría, onde a propia Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén un convenio de colaboración co monte veciñal para a conservación desta especie.
A zona do aeródromo, os terreos colindantes e o mosaico de pastizais periféricos constitúen unha área crítica imprescindible para a supervivencia do mazarico real, polo que a instalación dun tendido eléctrico supón unha ameaza severa e incompatible cos obxectivos de conservación. Neste contexto, ADEGA lembra que a Xunta de Galicia vén desenvolvendo actuacións específicas de conservación do mazarico real neste mesmo ámbito territorial, ao recoñecer o seu valor estratéxico para a supervivencia da especie. Isto evidencia a necesidade dunha avaliación ambiental rigorosa e coherente cos compromisos de protección asumidos.
Chamamento á participación cidadá
Ademais disto, ADEGA fai un chamamento á cidadanía para “informarse, participar e presentar alegacións fronte a un proxecto que presenta importantes deficiencias ambientais, legais e de avaliación de impactos acumulativos”. O prazo para presentar alegacións remata o vindeiro 12 de febreiro, e a asociación pon a disposición un modelo de alegacións para facilitar a participación social.
No marco deste proceso, o domingo, 8 de febreiro, ás 20:00 horas terá lugar a proxección do documental Vidas irrenovables na Casa das Ínsuas, en Rábade. O acto está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Casa das Ínsuas e ADEGA, coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Rábade e a Reserva da Biosfera Terras do Miño. O documental, con guión e dirección de Francisco J. Vaquero, aborda de maneira directa os impactos da implantación desordenada das enerxías renovables no medio rural e a resistencia das comunidades que loitan por defender os seus territorios.
