A xunta de goberno da Deputación deu este venres luz verde a novos investimentos viarios despois do anuncio do xoves de ampliación do Plan de Estradas nunha segunda fase. Nesta ocasión, serán preto de 3 millóns de euros “para seguir mellorando a mobilidade da provincia”, tal e como avanzou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
Por unha banda, aprobouse a licitación de tres novos proxectos para acondicionar dúas estradas que pasan polos concellos de Pol, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.
Entre os dous primeiros mellorarase, cun investimento de máis de 650.000 euros, un tramo de algo máis de 1,3 quilómetros do coñecido como cinto comarcal, a LU-P-1611. “Trátase dunha verdadeira arteria de comunicación para a comarca que, por causas da empresa que resultou adxudicataria no seu momento, vémonos no deber de sacalo a licitación novamente”.
Os traballos afectarán o tramo que vai do punto quilométrico 106,5 ao 107,8 e consistirán na reconstrución da ponte que está situado no río Azúmara, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización da vía, ademais da plantación de árbores, entre outras medidas ambientais. O prazo de execución é de 9 meses.
En Pedrafita do Cebreiro investiranse preto de 390.000 euros na mellora de case medio quilómetro da LU-P-1301, a vía que conecta Seoane do Courel co municipio montañés polas parroquias de Hospital e Vilela.
As obras que se van a realizar entre o punto quilométrico 6,8 e o 7,3 consistirán no ensanche da estrada ata os 10 metros, a drenaxe, o afirmado, a sinalización horizontal e vertical e o tratamento da paisaxe. O prazo de execución destes traballos é de 6 meses desde que comecen as obras.
O deputado provincial lembrou que, con este proxecto, o goberno leva “máis dun millón de euros investidos na mellora e no acondicionamento desta estrada, que é unha das principais vías de comunicación da comarca da Montaña”.
Ademais destes novos proxectos, a xunta de goberno aprobou a adxudicación doutro tres. Así, a empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU encargarase das obras de acondicionamento da estrada que conecta Monforte de Lemos e Sober -a LU-P-3201- ao comezo da vía, nun tramo que comprende algo máis da metade do trazado, do punto quilométrico 0,814 ao 2,540. O prezo é de preto de 265.000 euros e o prazo de duración de 2 meses.
“É unha actuación, tamén moi importante, porque esta vía que dá servizo directo a multitude de veciños e veciñas, aos viñedos e tamén aos visitantes que se achegan a coñecer a Ribeira Sacra”, sinalou sinalou Rivera.
No Corgo adxudicouse á empresa Francisco Gómez e Cía SL por algo máis de 200.000 euros a rehabilitación dun tramo de catro quilómetros da LU-P-2904, entre Conturiz e a ligazón coa autonómica LU-4304, no Páramo.
Actuarase entre o punto quilométrico 9 e o 13,4 cun prazo de execución dun mes. Esta obra completará a mellora que se realizou recentemente no tres primeiros quilómetros da vía e o proxecto que se está levando a cabo entre o quilómetro 3 e o 9. Pablo Rivera lembrou que “a Deputación leva investido nesta estrada un total que supera o medio millón de euros”.
Tamén entre os concellos de Cospeito e Vilalba adxudicouse a mellora de 8 quilómetros da LU-P-1702, que une A Feira do Monte con Fontefría polo Pino. A empresa que se encargará das obras, que se desenvolverán desde o punto quilométrico 1,38 ao 9,214, será Cholo SL e contan cun prezo de case 400.000 euros. Esta actuación completa a que acometeu a Deputación de Lugo o ano pasado ao comezo da estrada.