InicioMedioambiente e PatrimonioA Rede Museística, referencia do Estado en educación e investigación nos museos

A Rede Museística, referencia do Estado en educación e investigación nos museos

O Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, e Museo Fortaleza de San Paio de Narla acolleron as Xornadas Internacionais sobre museos e educación. Experiencias para difusión do patrimonio e o cumprimento de dereitos culturais'.

PUBLICADA O

- Advertisement -

‘Xornadas Internacionais sobre museos e educación. Experiencias para difusión do patrimonio e o cumprimento de dereitos culturais‘. Este foi o lema das xornadas que tiveron lugar os días 3, 4 e 5 de xullo ‘na Rede Museística Provincial de Lugo. Un congreso no que se abordou a importancia da educación e a investigación para artellar os discursos museísticos e combatir as novas visións populistas e extremistras que se deifunden a través das redes sociais.

Por iso, nestas xornadas deuse difusión aos primeiros resultados do Proxecto I+D+i ‘Proba de Concepto Ensino da historia e difusión do patrimonio cultural. Transferencia de investigacións sobre formación do profesorado, recursos dixitais e métodos activos‘, financiado pola Axencia Estatal de Investigación. Neste proxecto participan profesionais de máis dunha decena de museos (Museo Nacional do Prado, Museo Arqueolóxico Nacional, ARQVA, Museo Nacional de Altamira, MARQ, Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra, Museo da Memoria de Andalucía, Rede de Museos do Concello de Vigo, e a Rede Museística Provincial de Lugo), investigadoras de sete universidades (Murcia, Almería, Castela-A Mancha, Granda, Santiago, Valladolid e La Laguna), e profesorado de Educación Secundaria de tres Comunidades Autónomas (Murcia, Cantabria e Castela-A Mancha).

O obxectivo principal deste proxecto foi crear un espazo de confluencia entre profesionais de diferentes ámbitos para fomentar a investigación, a educación, e a transferencia á sociedade de actividades e situacións de aprendizaxe sobre a historia que poñan o foco na colectividade e en narrativas alternativas ou non hexemónicas no ámbito escolar. Deseñáronse de forma conxunta once unidades formativas para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato ao redor de tres núcleos temáticos: diversidade (diversidade funcional, diversidade sexual, migracións, esclavismo e minorías étnicas e culturais); desigualdade (a muller e o traballo, violencia sexual, e os efectos das fames negras, epidemias e guerras), e a violencia e o conflito (a construción da democracia, as loitas polos dereitos e liberdades, e a explotación económica). Estes núcleos temáticos permiten tamén traballar ao redor dos ODS como ‘Fame cero’, ‘Igualdade de xénero’, ‘Fin da pobreza’ ou ‘Redución de desigualdades’.

O vínculo entre museos, profesionais  e escolas

Precisamente a elección destes núcleos temáticos foi o que impulsou a escoller a Rede Museística Provincial de Lugo para presentar os primeiros resultados deste proxecto. A Rede Museística desenvolveu durante máis de tres décadas Xornadas Pedagóxicas co profesorado para impulsar novos modelos de educación patrimonial e de vínculos entre museos e escola que se fundamentan na concepción do museo como un axente de transformación social. A accesibilidade, a sustentabilidade, a visibilización das desigualdades ao redor da interseccionalidad, e o cumprimento de dereitos culturais estivo presente nas últimas décadas nas actividades de difusión e educación da Rede Museística. 

De feito, os tres museos escollidos para o desenvolvemento das xornadas (Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, e Museo Fortaleza de San Paio de Narla) permitían traballar estes núcleos temáticos desde espazos situados de coñecemento, desde unhas narrativas que complementaban as conversacións e reflexións que levaron a cabo nas mesas de traballo. Unhas conversas que permitiron combinar as voces e experiencias de profesionais de museos, Educación Secundaria, e formación do profesorado, xunto con dúas investigadoras de relevancia internacional: Marílar Aleixandre (Premio Nacional de Narrativa en 2022) e Ofelia Rei Castelao (Premio Nacional de Historia en 2022).

Como resultado deste deseño conxunto de actividades nas xornadas presentouse o libro ‘Educación histórica e museos. Actividades e situacións de aprendizaxe para o cumprimento de dereitos culturais‘, que pode consultarse nesta ligazón, e que recolle a fundamentación teórica, o deseño e desenvolvemento das unidades formativas.

A pervivencia de estereotipos entre as máis novas

Nas mesas analizáronse os resultados do estudo piloto desenvolvido en dez aulas de Educación Secundaria en Murcia, Madrid e Galicia, onde se implementaron estas actividades e recolleuse información antes, durante e despois da intervención. Os resultados mostraron aspectos positivos e negativos. Nos aspectos positivos atópase a mellora no traballo coas pezas de museos como fontes primarias de información, a maior motivación do alumnado co traballo con información visual, combinada co traballo con documentos, ou a valoración positiva destas temáticas alternativas, sobre todo nas mozas. Con todo, tamén se analizaron algúns aspectos negativos: a resistencia do alumnado, sobre todo mozos, en profundar en temáticas sobre igualdade de xénero, a pervivencia de estereotipos negativos sobre migrantes, ou a presenza de narrativas populistas sobre a construción democrática de España. 

Nestas xornadas tamén se crearon sinerxías positivas entre profesionais de diferentes ámbitos para continuar o traballo de confluencia entre museos, escola e formación do profesorado. Preténdese profundar na implementación destas actividades desde o museo, e cun contacto máis directo co alumnado que desenvolve as actividades. O obxectivo de futuro é romper as resistencias e actitudes reaccionarias que se crearon desde discursos populistas que están a tentar romper os consensos democráticos que tanto tempo nos levou construír. 

ÚLTIMAS

Candia, Barreiro, Balseiro e Serrano reclaman a chegada do AVE e dos Avril á provincia, “a única sen estes servizos”

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, e os senadores populares José Manuel Barreiro,...

Enrique Rozas renuncia por “asuntos persoais e familiares” á súa acta de concelleiro no Concello de Lugo

O edil do PP no Concello de Lugo, Enrique Rozas, anunciou este luns en rolda de prensa...

O TSXG anula os servizos mínimos da Xunta para a folga de limpeza en Lugo de 2023

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia...

Interceptado un condutor borracho que fuxiu tras ter un accidente cun neno no asento dianteiro

Un condutor foi interceptado tras verse implicado nun accidente de circulación na confluencia da Avenida...