O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) paralizou cautelarmente a executividade do proxecto eólico Serra de Punago, promovido por Acciona Energía SAU, nos concellos de Baralla e Castroverde. O Tribunal admite unha petición de ADEGA ao entender que existen indicios suficientes de que a promotora eólica non acreditou o inicio material das obras do proxecto antes da data de vencimento da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), e que, polo tanto, esta podería estar xa caduca. Desde a entidade ecoloxista acóllese con satisfacción o Auto de paralización cautelar por canto outorga validez aos indicios de caducidade da DIA do proxecto Serra do Punago e evita que se podan exercer danos irreparábeis sobre o medio ambiente.
En maio de 2023, ADEGA solicitaba á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza a apertura do expediente de caducidade da declaración de impacto ambiental do proxecto eólico Serra do Punago. A entidade ecoloxista constataba daquela que a empresa promotora non tiña iniciado as obras do parque eólico previamente á data de vencimento da DIA, xa prorrogada pola Xunta, e que tampouco contaba coa licenza municipal preceptiva para poder executalas, malia a ser condición sine qua non, segundo o establecido tamén pola lei de avaliación ambiental.
Ademais de non contar “con todas as autorizacións esixibles” pola normativa vixente para poder iniciar as obras do proxecto eólicos Serra do Punago, a promotora incumpriu boa parte do condicionado da DIA previo ao suposto inicio das obras. A empresa non tiña presentado na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o esixido plan de seguimento de avifauna e quirópteros nin o estudo ambiental dos impactos sinérxicos no que incluíse “todas as infraestruturas de evacuación”.
SEN OBRAS REALIZADAS
ADEGA critica que, “nun basto intento de manter a vixencia do permiso ambiental”, Acciona Energía realizou unha representación ficticia do inicio das obras do proxecto eólico Serra do Punago. A empresa pretendeu acreditar diante da Xunta o inicio material das obras do parque eólico a cunha reportaxe fotográfica na que se observaban os traballos dunha pa escavadora na zona de afectación, realizados supostamente o 26 de maio de 2021, o último día da vixencia da DIA. Porén, ADEGA verificou que estes traballos correspondían realmente á eliminación da coberta vexetal onde se pretendía instalar a antena anemométrica, pero nada tiñan a ver co inicio das obras do proxecto eólico.
ADEGA lembra o proxecto eólico Serra do Oribio (Iribio) como caso paradigmático no que se aplicou o mesmo modus operandi. A empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L., comezara as obras do parque sen a correspondente licenza municipal, e incluso, sen terse aprobado o proxecto definitivo, baixo a total conivencia da Xunta de Galiza. Este proxecto eólico foi declarado ilegal, primeiro polo TSXG, e despois polo Tribunal Supremo, a instancias dos recursos presentados por ADEGA e outras entidades ecoloxistas, mais os danos exercidos sobre o territorio, o espazo natural protexido ZEC Ancares-Courel, xa son irreparábeis. Con todo, nin a Xunta nin a empresa se responsabilizaron dos danos exercidos sobre o espazo natural, aos que probablemente teñamos que facer fronte finalmente o conxunto da sociedade galega cos nosos impostos.