
A Xunta abriu un expediente sancionador a un traballador da Deputación de Lugo porque o pasado sábado “prohibiu o acceso” dos axentes ambientais, que dependen da Administración autonómica, ás obras no aparcadoiro do Centro de Artesanía e Deseño (Centrade). En concreto, os axentes tentaron acudir ao lugar en varias ocasións para comprobar a talla dunhas árbores centenarias na contorna do Fogar de Santa María acometida desde o sábado.
Trátase dunha actuación autorizada pola Deputación e que, tras unha denuncia de Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde, investiga o Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, que xa solicitou informes á Policía Nacional e ao Seprona, tal e como confirman fontes xudiciais. O pasado mes de maio, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta paralizara esta actuación no antigo hospital por constatar que había presenza de niños e restos de ovos nestas árbores situadas onde está proxectado un aparcadoiro con 165 prazas, nunha zona próxima á Muralla.
Agora, a Deputación acometeu esta talla (desde primeira hora do sábado) e, a pesar de que avisou o venres pola tarde (o día 18) á Delegación Territorial do Goberno galego, polo seu horario de verán non foi ata o luns cando se leu dita comunicación. Así, os axentes ambientais tentaron acudir o sábado ás obras, pero un traballador da Deputación impediuno, motivo polo cal agora se lle abriu un expediente.
A Xunta entende que é unha “infracción grave” do artigo 122 da lei galega de patrimonio natural, que recolle “a desobediencia ás ordes ou requirimentos do persoal inspector (…) no exercicio das súas funcións de protección de espazos naturais e da flora e fauna silvestres regulados pola presente lei, así como a obstaculización do devandito exercicio”.
Segundo relata a Administración autonómica, os axentes do distrito IX atopáronse o sábado coa negativa ao seu requirimento de entrar ás obras en Centrade. Tal e como explican na denuncia, o vixiante das instalacións “chamou ao responsable de seguridade na Deputación, o cal lle negou telefonicamente aos axentes a entrada ao recinto”. Así mesmo, estes feitos volvéronse a repetir o luns, día 21, ata que finalmente puideron acceder acompañados por un inspector da Policía Nacional. Non entanto, xa non puideron verificar a existencia de árbores con posible nidificación, porque a talla concluíra.
A DEPUTACIÓN DEFENDE QUE “NON PODEN ENTRAR” SEN PERMISO
Ante a apertura deste procedemento, a Deputación de Lugo advirte que a Xunta “non é quen de abrir un expediente a un funcionario doutra administración”, simplemente “denunciar” ou “pedir explicacións”. Fontes da institución provincial recalcan que técnicos de Patrimonio Natural “non poden entrar en dependencias doutra administración, que son privadas, sen a correspondente comunicación ou autorización previa”; igual que a Policía, engaden, “non entra nunha propiedade privada sen autorización xudicial”.