InicioMedioambiente e PatrimonioA historia do legoeiro que quixo ser "auguista"

A historia do legoeiro que quixo ser “auguista”

Helena González de Bisagras de Papel conta a historia dun legoeiro e as súas dúas semanas de vacacións pagadas no balneario de Cuntis. Daquela non existía internet, así que foi quen de conseguir o seu "bono de turismo" sen dificultade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai uns meses, cando buceaba na hemeroteca, din con algo que me fixo sorrir.

Na sección de notas locais, dunha das páxinas de “El Ideal Gallego” de 31 de outubro de 1929, había un apartado moi interesante. Nel, detallábanse todos os acordos tomados na última comisión provincial da Deputación da Coruña. E entre os nomes, que alí se citaban, estaba o da tataravoa da miña clienta.

Foi así como souben que a Manuela lle concederan, por ser viúva de legoeiro, dúas mensualidades e  o  abono do que o seu home, deixou de percibir co seu falecemento.

Despois de anos e anos de servizo, estaban a despachar á pobre viúva, cunha indemnización de 248 pesetas, nun pago único. Nada que ver coas pensións de viudedade, doutros traballadores públicos!

Ramón, que así se chamaba o defunto, tiña un oficio, pero o do beneficio, non volo sei.

Aínda así alegreime, porque ía compartir coa miña clienta, a boa nova. Tiñan un legoeiro na familia!  

Non é habitual descubrir nos papeis, referencias tan concretas ás ocupacións dos nosos antepasados. E cando, isto pasa, emociónome.

Normalmente as persoas que investigo permanecen agochadas en palabras imprecisas, como “xornaleiro” ou “labrador”, nas súas dúas versións, masculina e feminina. Ou tamén, en verbas como “as súas labouras” ou “o seu sexo”, estas si de uso exclusivo para as mulleres.

Ramón era, no entanto, legoeiro con maiúsculas. Tiña uniforme, ferramentas de traballo e probablemente unha modesta solución habitacional, chamada casilla. En troco, desempeñaba un traballo duro, no que se ocupaba da conservación, mantemento e vixilancia do anaco de estrada, que lle tiñan asignado.

Pero, non se vaian, aínda hai máis.… Por sorte, no Arquivo da Deputación da  Coruña, custodiaban o seu expediente persoal, con todas as instancias e solicitudes, presentadas ós seus superiores.

Grazas a este documento, puiden saber que traballou no trozo noveno da estrada de Santiago a Santa Comba. Noutras palabras, durante trinta e seis anos da súa vida, o seu despacho estivo, entre os quilómetros 16 e 19, desa estrada provincial.

Así que tódolos días do ano, de sol a sol, Ramón camiñaba legua arriba, legua abaixo.

“legua”
 Antiga medida de lonxitude, que equivale aproximadamente a cinco quilómetros
Dicionario RAG 

 

Descansou soamente en dúas ocasións. En 1911, para tomar as augas no balneario de Cuntis. E en 1928, para ser operado no Hospital de Santiago.

Pode parecer extravagante que un legoeiro solicitase licenza para tomar as augas,  “no maior balneario de Galicia”.  Na súa defensa, quero esgrimir dous argumentos.

Primeiro, que non era capricho. Ramón acompañou a súa solicitude dunha prescripción facultativa, que recomendaba unha estancia de quince días neste balneario, para a restaurar a súa saúde feble.

Segundo, que non era un luxo, lonxe do seu alcance. Daquela, as Deputacións asinaban acordos cos balnearios, para garantir que os pobres tamén puidesen facer uso das súas instalacións. Sería, iso sí, na súa versión low-cost.

O noso legoeiro foi “auguista” en Cuntis, durante quince días da súa vida!

Foron quince días, lonxe da súa legua arriba, legua abaixo.

Talvez cando chegaba a noitiña, soñaba co tacto metálico dos botóns do seu uniforme, o son rítmico dos seus peíños á pisar no firme e a silueta aló no horizonte dun transeúnte, a quen non coñecía.

Á fin e ó cabo, o noso legoeiro amaba as súas rutinas. Quizabes, Ramón tivo morriña en Cuntis.

[ Do blog Bisagras de Papel ]

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...