EFE | O grupo lácteo Lence, a compañía do sector da enerxía Norvento, e o grupo empresarial Agroamb, vinculado ao sector agrario e ao tratamento de residuos orgánicos, uniron forzas para poñer en marcha o proxecto Riazor. A iniciativa consiste na creación dunha “innovadora planta de xestión circular de residuos e xeración de biogás” no polígono industrial do Ceao.
Os promotores de Riazor teñen prevista un investimento conxunto de 7,5 millóns de euros para a creación dun planta que “permitirá valorizar residuos orgánicos e non perigosos xerados principalmente na industria láctea”, aínda que tamén “ofrecerá a outras industrias agroalimentarias e organismos públicos locais a oportunidade de xestionar os seus refugallos”.
AS INSTALACIÓNS
Estas instalacións combinarán “unha planta de biogás, un sistema de humidais e un sistema biolóxico para a eliminación de cheiros”.
Os impulsores desta iniciativa calculan que a planta Riazor terá capacidade para xestionar “unha media de 55.000 toneladas de residuos anuais”, para xerar “biogás que será inxectado e comercializado a través da rede nacional de gas natural”.
“O modelo de economía circular e de proximidade no que está baseado posibilitará que o proxecto sexa economicamente sostible pola súa propia actividade mediante a comercialización de enerxía limpa. Estímase que, durante a súa vida útil, a planta evitará emisións de gases de efecto invernadoiro por un volume de 37.300 toneladas de CO2 equivalentes”, precisan.
Así mesmo, o dixestato da planta de biogás permitirá xerar “un compost orgánico destinado ao sector primario e un efluente líquido que será tratado nun sistema de humidais situado nas instalacións”, coa finalidade de asegurar que “outros compostos químicos, como o nitróxeno, sexan capturados de maneira eficiente no proceso” e así cumprir “cos estándares máis esixentes de calidade da auga para a súa reutilización en aplicacións industriais”.
Finalmente, a planta contará cun sistema de tratamento biolóxico de cheiros para atrapar compostos olorosos, para minimizar o impacto ambiental.
“LUGO, REFERENTE DE SOSTIBILIDADE”
A presidenta do grupo Lence, Carmen Lence, subliña que “o desenvolvemento desta iniciativa é unha clara mostra da aposta” da súa empresa “pola sustentabilidade como eixo transversal de toda a nosa actividade”.
“O respecto pola contorna é parte do noso ADN e a posta en marcha desta planta constitúe un gran avance, xa que nos permitirá pechar un círculo ao conseguir reducir as nosas emisións de maneira significativa, minimizar a nosa pegada de carbono e reutilizar os nosos residuos, o que sen dúbida terá efectos positivos no medio ambiente”, engadiu.
Pola súa banda, Pablo Fernández Castro, presidente e CEO de Norvento Enerxía, destaca que “o sector agroalimentario é estratéxico para lograr os plans europeos de alcanzar a neutralidade de carbono en 2050. Por iso, a xestión eficiente dos seus residuos é esencial para avanzar cara a unha economía verde e sostible”.
O CEO do Grupo Agroamb, Severiano Ónega, recoñece a satisfacción que lle produce que algo que a súa empresa leva “20 anos facendo” se poida “trasladar á sociedade da man de líderes no seu sector como Lence e Norvento, para facer de Lugo unha referencia no ámbito da sostibilidade”.