InicioMedioambiente e PatrimonioDenuncian a desaparición de carballeiras en Castro de Rei e Xermade ao...

Denuncian a desaparición de carballeiras en Castro de Rei e Xermade ao amparo da nova lei da Xunta

Petón do Lobo di que se utiliza o procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada da Lei 12/2013, de 9 de decembro, para cambiar os usos dos solos de forestais a agrícolas. A Xunta publica axudas para plantar frondosas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A boa parte das carballeiras e das masas forestais autóctonas que aínda poden quedar en Galicia están a desaparecer progresivamente ao abeiro da aplicación espúrea do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada da Lei 12/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental”. É a denuncia que fai a asociación ecoloxista Petón do Lobo, que di que a Xunta está utilizando esta lei para dar “vía libre” ás empresas para que poidan cambiar o uso do chan e “deforestar” masas arbóreas autóctonas.

Nun comunicado, a entidade indica que isto mesmo é o que está a acontecer en dous concellos de Lugo, o de Castro de Rei e o de Xermade. No primeiro, a situación afecta á parroquia de Balmonte cun proxecto, arestora en exposición pública, que recolle nin máis nin menos que a talla de 2,37 hectáreas ocupadas por formacións arboradas (fundamentalmente de Quercus robur; ademais de Betula alba, Alnus glutinosa, Castanea sativa, Quercus rubra, Pinus pinaster e Ilex aquifolium).

As  actuacións, como o conxunto de traballos, encamíñanse a transformar unha superficie de uso forestal de 2,90 ha (28.968,90 m2) en pasteiros artificiais mediante a aradura, sementeira e outras operacións asociadas.

XERMADE

Por outra banda, outro proxecto ao amparo desta nova lei pide a eliminación de 150 unidades de carballos nun proxecto de creación de pasteiro artificial no lugar da Vacariza, en Piñeiro, municipio de Xermade. Trátase doutro proxecto, tamén arestora en exposición pública, que implica o cambio de uso dos solos, de forestal a agrícola, para a creación dun pasteiro artificial.

“Ademais da evidente perda de biodiversidade e fragmentación de hábitats, o proxecto leva por diante unha parte do bosque autóctono que xa existía no ano 1956 como masa consolidada segundo as ortofotos dos voos americanos”, critica a entidade ecoloxista.

Os promotores xustifican os cambios de uso dos solos pola necesidade de ampliar as bases territoriais das explotacións de vacún que posúen e a conversión destas en macrogranxas. Non obstante, Petón do Lobo destaca que estas ampliacions realízanse sempre a base de reducir o bosque autóctono galego e non a costa da eliminación das plantacións forestais.

Así, lembra que a afección de determinados proxectos agrícolas e gandeiros, relativos ao cambio dos usos dos solos, nestes casos de forestais a agrícolas, implican afeccións severas sobre os hábitats de carballeiras e soutos. “Isto dá orixe a unha afección moi grave sobre o estado de conservación destas masas, ao provocar a súa desaparición, redución superficial, a súa fragmentación, alterando a estrutura e as funcións ecolóxicas dun bosque nativo”, apunta.

AXUDAS

Curiosamente, este xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais, por un importe de case 8 millóns de euros para as anualidades de 2021 e 2022 (2 millóns corresponden a 2021 e os 5,75 restantes a 2022).

Diso informou o departamento autonómico nun comunicado remitido aos medios, no que detalla que estas subvencións se destinarán á creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, coas que se prevén plantar ao redor de 4.000 hectáreas de monte galego.

Os beneficiarios desta liña de axudas serán as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...