InicioMedioambiente e PatrimonioCoñece algúns retallos da invasión napoleónica no Camiño Primitivo

Coñece algúns retallos da invasión napoleónica no Camiño Primitivo

Helena González, de Bisagras de Papel, conta hoxe unha pequena historia do Camiño Primitivo, en Palas de Rei. É unha historia de violencia, que invita a reflexionar sobre as consecuencias que os grandes acontecementos históricos tiveron sobre as vidas das persoas anónimas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nunha das miñas recentes visitas ó Arquivo Diocesano de Lugo, cando escaravellaba nos libros de defuntos da parroquia de San Xurxo de Aguas Santas en Palas de Rei, dei cunha estraña partida de defunción.

Era o dobre enterramento dun home e unha muller, “vecinos y caseros del Iglesario”, que morreran dun xeito violento, a mans das tropas francesas, que ían cara a Melide.

A anotación describía con detalle o asasinato dos dous de “dos fusilazos”, disparados polos dragóns. A muller morreu no momento, mais o home foi quen de recibir os sacramentos de penitencia e comuñón do vicario desta igrexa, quen era tamén o seu amo. O matrimonio deixou un pequeno, de corta idade. Chamábase Luis.

Contaba ademais que os malpocados foron soterrados ese mesmo día, a petición do pobo, que temía pola posible irrupción dalgunha outra partida de soldados, que daquela andaban polos camiños. Por primeira vez, os habitantes do lugar foron conscientes da desconveniencia de estar nun lugar de paso.  

A GUERRA DA INDEPENDENCIA EN GALICIA

Era o un de febreiro de 1809. Daquela Galicia tiña sido ocupada polas tropas francesas, “sin apenas resistencia, en veinticinco días”. Así o conta. Xosé R. Barreiro Fernández, en “Historia social da Guerra da Independencia en Galicia” de Edicións Xerais. Segundo este autor, a ocupación de Galicia fue un “paseo militar”, no que caeron Lugo, Betanzos, Santiago, A Coruña, Ourense, Mondoñedo, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Tui.  Pouco despois, a poboación empurrada polos excesos cometidos polo exército de ocupación, comezou a organizarse en alarmas.

Descoñezo se o cura de Aguas Santas chegou a empuñar as armas contra o inimigo invasor. O  seu nome non aparece na relación de curas falecidos en 1809, a causa da guerra. Como sería o seu discurso, ante a súa freguesía? Pacífico ou agresivo? Que papel tería xogado nos nove meses de ocupación francesa?

O señor cura enterrou a Antonio e María “en dos sepulturas juntas y contiguas a la pared y esquina abajo del altar de nuestra Señora del Rosario”. Así que, se algún día visitades este lugar do Camiño Primitivo, na vosa peregrinación a Santiago, podedes entrar na igrexa e tentar adiviñar onde repousan os seus corpos maltratados pola Historia.

[ Do blog Bisagras de Papel ]

ÚLTIMAS

O BNG insta o Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras o “clamor social” manifestado en Palas de Rei

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno da Cámara...

Tres feridos nun accidente entre un turismo e un camión en Vilalba

Tres persoas resultaron feridas este luns nun accidente de tráfico rexistrado na autovía A-8...

Paula Alvarellos reactiva os contactos co IGVS sobre os proxectos de Casa Torre, Dona Urraca e O Castiñeiro

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, retomou as conversacións co Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar...

Destinaranse tres millóns de euros ó proxecto de reforma do estadio Anxo Carro

A Xunta de Galicia espera licitar en xaneiro de 2025 a obra de reforma...