InicioMedioambiente e PatrimonioUnha ruta sonora polas campás do Camiño de Santiago: así se escoitan...

Unha ruta sonora polas campás do Camiño de Santiago: así se escoitan as badaladas en cada igrexa

Como toca a campá de Fonfría, na Fonsagrada? E as do Cebreiro? Como repenica o campaneiro de San Román da Retorta? Xesús Álvarez Lozano elaborou un traballo de investigación que pode visitarse na web Badaladas.gal.

PUBLICADA O

- Advertisement -

En Sistallo (Cospeito) foron morrendo os antigos campaneiros que repenicaban a campá o día de festa ou que tocaban a morto en caso de haber defunto no lugar. Xesús Álvarez Lozano colleulles daquela o relevo e agora é el quen fai soar a campá nas procesións. Movido polo interese que lle esperta este mundo, Álvarez Lozano non se conformou coas badaladas da súa parroquia e puxo en marcha un proxecto a través do cal viaxou de campanario en campanario polo Camiño de Santiago.

O traballo, que pode verse na web Badaladas.gal, é o resultado de meses de recollida de información e de visitas a 187 campás en oitenta igrexas, capelas, catedrais ou consistorios que quedan ao pé do Camiño Primitivo e do Francés. Ao premer na páxina web, pódese descubrir como soa a campá da igrexa de Fonfría (A Fonsagrada), a de Vilabade (Castroverde), a da capela do Carme (Lugo) ou a da igrexa de San Román da Retorta (Guntín).

Do mesmo xeito, tamén é posible saber que segredos agochan as inscricións gravadas no metal das campás do Cebreiro, a da abadía de Samos ou a da igrexa de San Nicolás (Portomarín). “É un patrimonio descoñecido para a maior parte da xente, quizais tamén polo complicado de acceder aos campanarios. Con este proxecto pretendía achegar todo isto á sociedade”, explica Xesús Álvarez Lozano.

CÓDIGOS CONCRETOS

Ese “todo isto” vén en forma de vídeos, fotografías e audios nos que se tenta explicar o elaborado código lingüístico das campás. “Os toques espaciados adoitan ser para dar a noticia de que morreu alguén. Se son toques rápidos, que soan máis alegres ou ‘a dobrado’, a xente interprétao segundo o día. Se hai festa, será pola procesión; se non, pode ser sinal de aviso dun incendio”, adianta o autor do traballo, quen tamén sinala como curiosidade o feito de que na zona da Fonsagrada non distinguen á hora de repenicar se a persoa defunta é home ou muller. “No resto de sitios, o normal é que se dean tres toques para os homes e dous para as mulleres”.

UN MEDIO DE COMUNICACIÓN MÁIS

Conta Xesús Álvarez que non foron poucas as persoas que se achegaron a xunto del para preguntarlle aquilo de “e logo quen morreu?” cando sentían bater a campá. Houbo mesmo quen lle chamou a atención por estar “asustando” á xente. “É a proba de que segue funcionando como medio de comunicación, di el, a pesar de que cada vez se utilizan menos para dar avisos. “Agora quedan menos campaneiros e algunhas xa están automatizadas”, xustifica.

Álvarez Lozano atopa nas campás unha musicalidade exquisita, e non dubida de que poidan construírse ritmos de muiñeira, xota ou pasodobre. “Dan notas diferentes, aínda que non están ben afinadas. Algunhas deixan o son morrendo, moi fino, moi fino. Pareceume que as da zona do Cebreiro soan moi ben, por exemplo”. El, que tamén é músico, di que a maneira de tocar a campá depende un pouco da man que repique. “Eu toco un pouco á miña maneira. As procesións demóranse, así que teño que estar alí un anaco largo. O brazo cansa”, ri ao remate da conversa.

+ posts

ÚLTIMAS

Morre apuñalada polo seu fillo durante un brote psicótico na súa vivenda en Lugo

Unha muller faleceu no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) na madrugada deste luns despois...

Os premios Dalle like recoñecen os creadores de contido galegos co apoio da Deputación

  O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este sábado na...

O PP reclamará na Deputación o arranxo da LU-P-1811 en Chantada

Os deputados do Grupo Provincial Popular reclamarán no vindeiro pleno que o goberno da...

Lugo aproba o seu novo organigrama cun aforro do 40% no gasto político

O Concello de Lugo acolleu este venres a sesión plenaria na que se aprobou...