InicioMedioambiente e PatrimonioPatrimonio dos Ancares denuncia o "moi mal" estado das fortalezas da comarca

Patrimonio dos Ancares denuncia o “moi mal” estado das fortalezas da comarca

"Só se salva o de Doiras", aseguran. O colectivo vén de rematar o inventario de todos os castelos, pazos e escudos da zona.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de completar o inventario dos castelos e torres, pazos e casas señoriais, e escudos de armas da comarca. Logo de tres anos de traballo, destacan un extenso patrimonio que, en liñas xerais, está en condicións “moi malas”.

En concreto, a asociación documentou 18 fortalezas (2 en Baralla, 4 en Becerreá, 4 en Cervantes, 3 en Navia de Suarna, outras 3 nas Nogais e 2 en Pedrafita) e outras tantas casas señoriais ou pazos (5 en Baralla, 2 en Becerreá, 3 en Cervantes, 4 en Navia, 2 nas Nogais e 2 en Pedrafita).

Por outra parte, tamén documentaron 14 castelos que desapareceron e dos que só queda o nome e algúns restos que practicamente pasan desapercibidos, segundo apuntan. Sete deles localízanse en Baralla, tres en Cervantes, outros tres en Navia e un en Becerreá. Deste último, o de Pena Agüeira, sábese que foi destruído durante a Revolución Irmandiña, entre os anos 1467 e 1469. Os restantes, situados en outeiros rochosos, semellan ser “os máis antigos, probablemente da época altomedieval”.

“SÓ SE SALVA O DE DOIRAS”

“Con respecto aos castelos e torres que se conservan, o seu estado é moi malo. Só se salva o de Doiras, en Cervantes”, explica o presidente do colectivo, Xabier Moure. Outras fortalezas emblemáticas da comarca como a da Vilameixe (Baralla), Dumia e Quindous (Cervantes), A Pobra de Navia (Navia de Suarna), Doncos e Torés (As Nogais), ou a Casa-torre de Veiga de Forcas (Pedrafita do Cebreiro) atópanse “en ruína ou semirruína”. Mesmo problema acontece nas casas señorais, que ou ben sofren un “total abandono” ou ben foron moi modificadas.

Así e todo, os bens patrimoniais máis abundantes son os escudos de armas. Un número moi elevado deles foron reutilizados noutras construcións distintas ás que as acolleron inicialmente. Alomenos doce terían desaparecido en roubos ou vendas.

COMPARATIVA CON OUTRAS ZONAS

De novo, Patrimonio dos Ancares insiste nas condicións de conservación deste patrimonio, “que contrasta co doutras zonas”. Non van moi lonxe, senón tan só ao Bierzo, para louvar as actuacións das Administración públicas no que se refire á consolidación e restauración dos seus castelos. Poñen como exemplo os de Balboa, Sarracín (Veiga de Valcarce) ou Cornatel (Priaranza do Bierzo).

Mentres, nos Ancares, “como moito ilumínanse ou constrúense miradoiros para ver mellor como se veñen abaixo”, lamentan. Dende a asociación instan a respectar a protección que merecen como patrimonio catalogado como Bens de Interese Cultural (BIC).

ÚLTIMAS

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...

Detido en Friol por entrar pola forza na casa dun coñecido, romper mobles e aveños e ameazalo de morte

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol a un home de 28 anos que...

Denunciada por falsificar un cartón de discapacitado para poder aparcar

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou a unha condutora que facía uso...

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...