InicioMedioambiente e PatrimonioDende O Piornedo a Portomarín: a crise do coronavirus abre a porta...

Dende O Piornedo a Portomarín: a crise do coronavirus abre a porta a redescubrir destinos na provincia

A situación excepcional que vivimos botou por terra os plans turísticos de visitantes e profesionais do sector. Guido Álvarez busca repoñerse ao tempo que ofrece unha alternativa de ocio para un verán estraño: unha vintena de "xornadas viaxeiras" para coñecer as "marabillas" que hai de norte a sur de Lugo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A crise sanitaria obrigou a reformular modos de facer e de vivir. Coa mobilidade restrinxida, o turismo é un dos sectores máis afectados pola pandemia e a súa supervivencia pasa pola reinvención. Nesa liña van xurdindo iniciativas encamiñadas a un turismo de proximidade que aposta por viaxar a lugares da provincia como alternativa de ocio para un verán seguramente estraño.

Esa é a nova proposta do guía turístico Guido Álvarez (Guido Guía), que con #RedescubrindoLugo ofrece unha vintena de “xornadas viaxeiras” de norte a sur da provincia para coñecer as “marabillas” que temos tan preto das nosas casas. Serán visitas guiadas a localizacións como O Piornedo, Portomarín, Barreiros, a Ribeira Sacra ou a propia capital luguesa, entre outros moitos, onde se aproveitará para pasar o día, facer un picnic, coñecer a historia do lugar…

REFACER A TEMPADA TRUNCADA

“O plan inicial para este 2020 era seguir cos paseos #OLugoMenosCoñecido e os servizos a demanda para asociacións, empresas, grupos e particulares”, explica Guido Álvarez, “pero todo isto cancelouse, como é lóxico, pola crise sanitaria”. Daquela, cadaquén cavila como encarar o ano profesional e economicamente, xusto no medio da tempada alta truncada. “Aí é onde nace #RedescubrindoLugo para volver á acción cando todo pase. Ou, mellor dito, cando sexa legalmente posible”.

A actual situación non permite fixar aínda ao 100% as datas para esas excursións, pero prevese que sexan entre xuño e setembro, sempre de acordo á normativa. Con todo, xa é posible reservar praza de xeito anticipado e con desconto (ata o 17 de maio) para cada unha destas xornadas viaxeiras, tal como explica na súa web detalladamente. “Decidimos formulalo así, e non como paseos guiados, para que a experiencia sexa máis completa e para dar unha alternativa de entretemento para este verán”, sinala o promotor da idea.

UNS VINTE DESTINOS… E MÁIS EN CAMIÑO!

Ademais, a antelación coa que foi lanzada a iniciativa permite xogar cos tempos para incorporar novos concellos e destinos ao programa. De momento, xa están confirmadas as saídas para redescubrir Piornedo, Barreiros, Negueira de Muñiz, Mondoñedo, a Ribeira Sacra, Viveiro, Portomarín, O Courel, Foz, Cospeito, Monterroso, A Pontenova, Begonte, Alfoz, O Xistral, Ribadeo, Castro de Rei e O Valadouro. Así mesmo, tamén haberá ocasión de coñecer ‘os mundos do Miño’, a arte urbana lucense e a histórica Lucus Augusti.

“Estou súper contento, porque xa contactaron comigo varios colectivos para sumarse. Friol e Castroverde son dous dos lugares que probablemente se incorporen xa”, engade Guido Álvarez.

En todo caso, di non apartarse demasiado da liña que xa caracterizaba o seu proxecto profesional: “un enfoque diferente ao turismo tradicional, buscando unha proximidade persoal. Un intercambio cultural; un achegamento ao patrimonio profundo, pero non denso; unha oportunidade para coñecer xuntos, en comunidade, o noso territorio”.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...