“As pallozas do Piornedo están bastante mal. Incluso hai casos nos que se lles ven as cangas. Pensamos que algunha non vai durar outro ano máis”. A asociación Teitos de Piornedo alerta sobre o estado de deterioro destas construcións propias da Montaña de Lugo, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC). Para levar adiante un proxecto de recuperación, cómpre investir un diñeiro do que non dispoñen e facer fronte ao “deixamento” que amosan as institucións. Por iso veñen de lanzar unha campaña de micromecenado para recadar fondos cos que sufragar os custos de teitar as pallozas.
A campaña de ‘crowdfunding’ foi publicada na plataforma Goteo e nela explican a que destinarán as aportacións económicas dos colaboradores. Con eses cartos mercarían o material preciso para pechar as parcelas de centeo das que sairá a palla que forma os teitos das pallozas. “Ao xabaril gústalle moito o centeo, así que temos que protexer esas plantacións”, comenta Isolina Rodríguez, integrante da asociación.
O teito das pallozas debe ser renovado parcialmente cada ano para a súa boa conservación, pero en moitos casos non foi posible facelo así. “O mantemento destas construcións é carísimo para os propietarios. En xeral, todos se preocupan por elas e cada un fai o que pode, pero non é suficiente”, asegura Isolina Rodríguez. “Cada vez van a peor, sobre todo polo clima. O vento forte levanta parte da palla e aparecen furados“.
O ABANDONO DAS INSTITUCIÓNS
Dende a asociación, piden un maior compromiso das institucións cara á aldea de Piornedo. “Está declarada BIC, así que a Xunta tamén ten responsabilidade, pero nin sequera atende as nosas peticións“, critican. “O patrimonio do Piornedo é único. Deberían facerlle algo máis de caso”.
Isolina Rodríguez confirma que o colectivo ten pensado solicitar unha axuda do Plan LEADER, pero a súa confianza nas subvencións é limitada: “É difícil acceder a elas porque sempre hai que adiantar o diñeiro e non sempre se pode“.
RECUPERAR TRADICIÓNS COMUNITARIAS
Así é como se ven obrigadas a recorrer á colaboración cidadá a través desta campaña. En pouco máis de 24 horas, xa superan os 1.000 euros recadados. Elas calculan que a cantidade mínima para emprender as melloras é de 3.000 euros, pero sitúan o óptimo nos 10.900.
Esas aportacións tamén han de servir, indirectamente, para recuperar traballos tradicionais que se desenvolvían de maneira comunitaria e que ían acompañados de festexos. “Algunhas aínda nos acordamos de segar, mallar, escolmar… Pero a xente máis nova non”, lamentan dende Teitos de Piornedo. “Se non participan agora, máis adiante xa vai ser imposible salvar estas tradicións”.