InicioSociedade“O uso do galego, en ocasións crea medo”, Miguel Vieito, avogado no...

“O uso do galego, en ocasións crea medo”, Miguel Vieito, avogado no rural

Coñecemos a este profesional do dereito, con despacho profesional nunha parroquia de Outeiro de Rei, que di ser feliz “espallando coñecemento e colaborando na alfabetización en dereitos da poboación” dende a docencia, e “traballando a prol dos dereitos de determinados colectivos”, dende o exercicio da avogacía.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Miguel Vieito Villar criouse e “aprendeu a maior parte do que é como persoa e como profesional” –confesa–, no Lugar do Ferradal, na Parroquia de Bértoa, no Concello de Carballo. Na actualidade vive e ten o seu despacho profesional no Lugar da Reboreda de Abaixo, na Parroquia de Francos, no Concello de Outeiro de Rei.

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou no ano 2009 e rematou os estudos de posgraduado no 2012. Ten tamén estudado e investigado noutras Universidades, coma a Universidade Pública de Navarra ou a Universidade de Coimbra, en Portugal.

Partindo da súa paixón polo dereito, di estar moi orgulloso de medrar e de exercer nun entorno rural, afirmando ademais non entender a súa vida persoal e profesional sen o galego.

Falamos con el.

Cónstanos que empezaches a traballar como investigador e tirábache a docencia universitaria. Cando e por que viraches cara o exercicio da avogacía?

Moi certo!

A miña vocación era a docencia universitaria: quería ser Profesor e aínda hoxe sigo colaborando en actividades docentes sempre que me é posíbel. Encántame espallar coñecemento e colaborar na alfabetización en dereitos da poboación. Compartir o que sei con quen confíe en min para ese labor.

“Encántame espallar coñecemento e colaborar na alfabetización en dereitos da poboación”

Empecei na avogacía como un paso máis no traballo a prol dos dereitos de determinados colectivos, e como unha forma de aproximarme ao Dereito desde un punto de vista diferente. Na avogacía atopo ese plus de utilidade práctica real que, en ocasións, se bota en falta na investigación universitaria.

Que especialidades levas no teu despacho profesional?

Traballo fundamentalmente en tres áreas: Dereito e saúde, levando neglixencias e erros médicos, danos en saúde e negación de servizos, entre outros temas; Dereito e discriminacións por razón de idade, de lingua, de orientación ou identidade sexual… e tamén Dereito e relacións familiares intervindo en mediación, herdanzas, separacións ou divorcios; así como xestión patrimonial (Catastro, Rexistro da Propiedade, lindeiros…).

Cales das referidas che supoñen máis carga de traballo actualmente?

No momento actual diría que o Dereito á Saúde e as herdanzas.

Os preitos patrimoniais por herdanzas e por lindes, seguen tan presentes como antes na sociedade galega?

Pois teño que responder que si, a verdade. A xestión das herdanzas é especialmente complexa e cada vez o está sendo máis. Tamén cómpre considerar que o uso do Rexistro da Propiedade e as actualizacións no Catastro non son moi habituais no país. Isto fai que a fixación de lindeiros e a actualización das titularidades sexa case un problema endémico do noso entorno.

Ademais, existe moito interese nos chamados “pactos sucesorios” (mellora ou apartamento) e nos desherdamentos.

Cos novos tempos e as novas xeracións, mudou algo a maneira de afrontalos e solucionalos?

Diría que son fundamentalmente os cambios legais os que acaban por afectar ao modo no que nos achegamos ás herdanzas. Por exemplo cos pactos sucesorios nos que, por mor da súa vantaxe fiscal, xeran maior actividade.

Tamén medios técnicos como as referencias por satélite ou GPS condicionan un chisco o entorno. Quizais hoxe os marcos non sexan tan relevantes como adoitaban selo.

Que importancia che merecen a psicoloxía co cliente e a busca de solucións amigables na solución de conflitos?

Creo que a mellor solución a un problema non está sempre na Sala dun Tribunal. Son un firme defensor da mediación e da busca de acordos entre as partes. É por isto que son mediador, e tamén mediador familiar.

As persoas non queren preitear por preitear, senón que buscan o mellor modo de ver satisfeitas as súas inquedanzas. En ocasións, o afondar nos motivos dunha persoa para entrar ou permanecer no conflito é a mellor forma de o evitar.

Miguel Vieito. Foto: M.V.

“As persoas non queren preitear por preitear, senón que buscan o mellor modo de ver satisfeitas as súas inquedanzas”

Partindo do que dis, “que as persoas non queren preitear por preitear” trabúcome logo se penso que semella que se está a ‘xudicializar’ a vida social?

A función de mediación é unha das moitas que podemos facer xs avogadxs.

Creo que, como colectivo profesional, a nosa orientación é (debe ser) a busca da mellor vía para promover os dereitos das persoas a quen representamos, e iso non sempre implica un proceso xudicial. Se o preito non é viábel, ou implica un custo moi elevado, non debemos aconsellalo, e debemos apoiar á/ao nosx cliente na busca de solucións alternativas.

Diría que ningunha persoa prefire ir a un Xulgado se pode evitalo. Fáltanos na avogacía algo de costume de intentar tecer redes e tender pontes.

O exercicio da avogacía, ao igual que outros oficios, tamén ten que adaptarse aos cambios da sociedade e ás novas tecnoloxías. Como está sendo este proceso no teu caso? Novos dereitos que defender e novas ferramentas para facelos valer?

Quizais o maior dos impactos sexan os trámites electrónicos: en moitas Administracións xa resulta case imposíbel, como avogado, operar en papel. E teño que dicir que malia sendo moi cómodo… eu estraño moito o trámite en ventanilla. O trámite unicamente electrónico coloca problemas para aquelas persoas que non teñen acceso sinxelo á rede, ou que non saben como usar apropiadamente os dispositivos electrónicos.

Ademais o mundo dixital está facendo crecer novas formas de discriminación e violencia, por desgraza.

“O trámite unicamente electrónico coloca problemas para aquelas persoas que non teñen acceso sinxelo á rede, ou que non saben como usar apropiadamente os dispositivos electrónicos”

Cónstanos que usas o galego como lingua de comunicación e de exercicio profesional. Como se leva isto, que lonxe de parecer o natural resulta ata ‘exótico’?

O galego é unha parte moi importante do que eu son, como persoa e como profesional. Non entendo a miña vida en ningún deses ámbitos sen a lingua da miña avoa, sen a lingua na que namorei por primeira vez, ou lonxe da lingua que me axudou a ter os meus fitos profesionais máis importantes. Porén, non podo dicir que no eido xurídico o galego sexa o habitual. Non o é, por desgraza.

Sinto moita mágoa disto e, no que eu podo, contribúo para vencer estereotipos e ideas preconcibidas contra dxs profesionais que usamos o galego como lingua vehicular.  En ocasións é sinxelo realizar o labor de asesoría en galego, e noutras é máis complexo (seguen a existir obstáculos para un uso normalizado e libre da lingua). Agora ben, eu non son do tipo de persoa que baixa os brazos. Ante as barreiras, só queda intentar derrubalas.

“Non entendo a miña vida en ningún deses ámbitos sen a lingua da miña avoa, sen a lingua na que namorei por primeira vez, ou lonxe da lingua que me axudou a ter os meus fitos profesionais máis importantes”

Vanse vencendo eses prexuízos dos clientes de que falando en castelán e nun rexistro culto inintelixible para eles poidades parecer ‘mellores avogados’?

Eu creo nunha avogacía achegada ás persoas, honesta e útil. Creo nunha avogacía de calidade feita, tamén, desde o entorno rural. Xs mellorxs avogadxs non son só xs que están na capital, por moito que un certo prexuízo nos poida levar a pensar iso.

Creo que o único modo de vencer esas ideas é sendo cada vez mellores no noso traballo, e ofrecendo a quen confía en nós valor engadido e accesibilidade.

Algunha anécdota con clientes por este tema?

O uso o galego en ocasións crea medo. Hai clientxs que poden pensar que o seu preito terá menos posibilidades se é levado en galego, ou que terán menos capacidade de reacción en galego. Isto non é certo.

Onde adoitan xerarse escenas un chisco máis cómicas é no uso da linguaxe técnica, ou na confusión de termos. Pero teño que dicir que non se dá só nxs clientxs… recordo unha “hernia fiscal” nunha sentenza de danos sanitarios (no canto de “hernia discal”); e mesmo organismos públicos ou Administracións que non coñecen os termos técnicos da súa propia materia de traballo.

“Hai clientxs que poden pensar que o seu preito terá menos posibilidades se é levado en galego, ou que terán menos capacidade de reacción en galego. Isto non é certo”

 

 

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...