InicioLugo e contornaLugoLugo contará cun parque canino que se construirá en San Xillao coa...

Lugo contará cun parque canino que se construirá en San Xillao coa axuda da Xunta

A alcaldesa de Lugo agradeceu á conselleira de Medio Ambiente e á responsable municipal da área de Benestar Animal, Mar Carballas, o seu compromiso coa cidade e a colaboración mantida para facer realidade esta actuación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron este venres na Alcaldía un protocolo de colaboración para impulsar a construción dun parque canino na cidade, concretamente na zona de San Xillao.

O acordo establece que a Xunta asumirá o financiamento e a execución das obras, mentres que o Concello de Lugo porá os terreos a disposición do proxecto e encargarase posteriormente do mantemento das instalacións. Lugo será a terceira cidade en contar con estas instalacións, despois de Ferrol, onde acaban de terminar as obras, e Pontevedra, que comezan agora.

No caso da cidade da muralla, o investimento previsto ascende a 140.000 euros, financiados ao 100 % pola Xunta de Galicia, e permitirá habilitar un parque canino nunha parcela de 3.746 metros cadrados situada en San Xillao, propiedade municipal. A previsión é ter terminadas as instalacións antes de final de ano.

Como explicou a conselleira, esta actuación enmárcase na iniciativa promovida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para crear unha rede de grandes parques caninos no sete principais cidades galegas, “co obxectivo de avanzar no benestar animal e dotar aos municipios de espazos específicos para o lecer e o exercicio das mascotas”.

O proxecto contempla a creación dun recinto pechado con valado de seguridade, dobre porta de acceso, fontes adaptadas para cans, papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas, zonas de xogo con obstáculos e ramplas, áreas de sombra, bancos, iluminación e unha zona de lavado con baño, esta última unha achega engadida pola petición dos usuarios.

A conselleira lembrou que en Galicia están rexistrados 836.000 animais en Galicia, dos cales o 80 % son cans e o resto, na súa maioría, gatos. Concretamente, en Lugo son 22.000 cans, “o que supón unha media dun can por cada 5 persoas”. Engadiu que desde a Xunta se destinan tamén 1,3 millóns de euros ás asociacións para sufragar as castracións e incentivar as adopcións.

A alcaldesa de Lugo agradeceu á conselleira de Medio Ambiente e á responsable municipal da área de Benestar Animal, Mar Carballas, o seu compromiso coa cidade e a colaboración mantida para facer realidade esta actuación. “Unha cidade tamén se define pola maneira na que coida aos seus animais. Hoxe damos un paso máis para dotar a Lugo dunha infraestrutura pensada para o benestar das mascotas e para facilitar a convivencia”, sinalou Elena Candia.

As OBRAS DA PROTECTORA, PARA O VERÁN

A rexedora destacou ademais que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local co benestar animal e avanzou que o Concello tamén está a traballar para poder anunciar nuns días o inicio das obras de mellora e ampliación das instalacións actuais da Protectora de animais, que teñen un orzamento total de 600.000 euros e para as que xa existe consignación orzamentaria municipal, que ascende a 248.000 euros.

Candia avanzou que poderían comezar no verán “debido á urxencia das mesmas” e lembrou que “hai un compromiso deste Goberno co proxecto”.

A alcaldesa asegurou que o primeiro paso consistirá en establecer cales son as actuacións máis urxentes e cales se poden facer nesta anualidade “para poder empezar este verán”.

Tamén lembrou que o proxecto conta coa colaboración da Xunta, “que xa está en marcha”, e coa Deputación, coa que aínda non se reuniu desde o seu nomeamento, pero non cre que haxa ningún problema “porque o proxecto, que está totalmente terminado e cumpre perfectamente con todo, conta con asignación en ambas as institucións”.

+ posts

ÚLTIMAS

Celtica Pipes Rock! e Grimorium súmanse á música do Arde Lucus xunto a Abraham Cupeiro

Celtica Pipes Rock! e Grimorium incorporáronse á programación musical do Arde Lucus xunto a...

Miguel Fernández lembra que o parque canino foi “arrincado” á Xunta polo anterior goberno local de Lugo

  O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, denunciou hoxe...

Convocadas 17 prazas de bombeiro pola vía de urxencia no Concello de Lugo

A Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente celebrada este venres no Concello de...

Combater a desinformación: Deputación e CPXG impulsan 20 obradoiros en concellos da provincia

  A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en...