InicioLugo e contornaLugoCandia comeza o seu mandato retirando unha bandeira palestina e reuníndose con...

Candia comeza o seu mandato retirando unha bandeira palestina e reuníndose con representantes do persoal municipal

O 'traspaso de poderes' e mesmo oficiar unha voda forman parte da axenda da dirixente popular para este primeiro venres como rexedora

PUBLICADA O

- Advertisement -

A popular Elena Candia arrincou a súa nova etapa como alcaldesa de Lugo e optou por pór no foco neste primeiro día de mandato ao persoal municipal, con cuxos representantes se reuniu. Pero antes, xa na propia xornada da moción de censura que lle deu o bastón de mando, o cambio deixouse percibir noutros pasos como a retirada do balcón do Vello Cárcere dunha bandeira de Palestina.

A nova alcaldesa abriu a súa axenda deste venres á primeira hora da mañá reuníndose cos representantes do comité de empresa (CC.OO., UGT, USO e CIG) e da xunta de persoal do Concello de Lugo, encontros nos que participaron membros dos distintos sindicatos (CSIF, Unión Sindical de Bombeiros, CC.OO., UGT, USO e CIG).

Elena Candia trasladoulles a todos eles a súa vontade de manter unha relación baseada no diálogo, escóitaa e a colaboración permanente cos traballadores municipais. “Traballar coordinadamente, atender as súas demandas e resolver as súas peticións tiveron o primeiro oco da miña axenda”, sinalou.

A popular enfróntase así a unha das áreas máis conflitivas do Concello e que máis controversia e críticas xerou cara á xestión municipal cando estaban na oposición. Como primeiro paso, emprazoulles a manter a próxima semana unha mesa de traballo.

Candia insistiu na súa disposición a escoitar as súas demandas e prioridades, “coa vontade de avanzar nunha mellor organización interna e na planificación das necesidades de persoal máis urxentes”.

Co comité de empresa reuniranse previamente para fixar as prioridades e profundar nas súas demandas, e poder establecer unha lista daquelas que poidan resolverse nos próximos meses. A Xunta de Persoal xa avanzou que as súas demandas máis urxentes pasan por progresar na carreira profesional e na modificación da Relación de Postos de Traballo.

A alcaldesa recoñeceu ante o persoal municipal que os traballadores son “unha peza fundamental para mellorar o funcionamento do Concello e a atención á cidadanía”, e puxo en valor o traballo que realizan os empregados públicos “mesmo en departamentos que levan anos asumindo unha importante sobrecarga de traballo”. Elena Candia subliñou que “un Concello que funciona mellor por dentro pode prestar mellores servizos aos lucenses”.

TRASPASO DE PODERES

Elena Candia mantivo esta mañá tamén unha difícil reunión cos membros do goberno saínte, PSOE e BNG, para facer o traspaso de poderes. Neste encontro, Elena Candia mostrou a súa disposición a manter compromisos adquiridos por eles. Así, puxo como exemplo o programa ‘Muralleando’, cuxa continuidade solicitou o BNG.

Pero a axenda que herdou a alcaldesa para este primeiro día é moi completa e nela figuran asuntos máis institucionais, como a súa presenza na Mesa Local de Seguridade para coordinar os actos da Garda Real na cidade ou a súa reunión co coronel xefe deste organismo.

OFICIO DUNHA VODA

Ademais, inclúense outras actividades de carácter social, como unha visita aos participantes na camiñada saudable pola Muralla que organiza a Asociación Contra o Cancro, unha comida con dous empregados de Medio Rural que se xubilan e mesmo oficiar unha voda.

Despois dunha atarefada mañá, quedan dúas inauguracións pola tarde: a da feira Equigal, coa exhibición ecuestre da Garda Real, e a exposición “O Río que nos move”, en O Vello Cárcere.

PRIMEIRA PROTESTA: BANDEIRA DE PALESTINA

Pero máis aló da axenda como tal, o cambio político deixouse sentir xa na primeira xornada, con pasos non exentos de polémica por exemplo o de retirar do balcón de O Vello Cárcere a bandeira de Palestina, colocada hai dous anos.

Á espera de se dá algunha explicación por esta decisión, o novo goberno local enfrontarase este sábado, ás 12.00 horas, a unha concentración convocada polo grupo Lugo por Palestina en protesta por un paso que provocou críticas na pasada xornada, por exemplo, por parte do portavoz local do BNG, Rubén Arroxo.

“O PP non leva nin cinco horas na Alcaldía de Lugo e a primeira medida é arrincar un símbolo solidario e pola paz. Non veñen achegar nada a Lugo, veñen destruír e impor a súa doutrina”, lamentou, alegando que a bandeira estaba situada “nun edificio que será recoñecido como de memoria histórica”.

CONTACTOS CON ASOCIACIÓNS

Un dos colectivos que non quixo esperar para achegarse a falar coa nova alcaldesa foi Lugo Monumental, que, segundo afirman, xa remitiu un resumo das necesidades máis urxentes para o centro histórico, un documento que recolle as reclamacións efectuadas durante o proceso de peonalización do centro histórico.

O remitido é un documento que analiza, punto por punto, as carencias e urxencias que a asociación percibe nesta zona do centro da cidade.

+ posts

ÚLTIMAS

O “equipo” de Candia: sete tenentes de alcalde e María Reigosa como non adscrita

O novo goberno municipal de Lugo presidido por Elena Candia xa está en marcha....

Candia, alcaldesa de Lugo: o PP volve despois de vinte e sete anos cunha moción de censura polémica

A ata agora portavoz local do PP, tamén líder do partido na provincia, Elena...

Eliminar carril bici, máis aparcadoiros e “un San Froilán para todos”, entre as prioridades de Candia

A nova alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou nos primeiros minutos de mandato un...

Elena Candia, da alcaldía de Mondoñedo á de Lugo pasando pola Deputación

De rexer unha capital de provincia (do antigo Reino de Galicia, iso si) a...